Rexeitamos o triunfalismo de Amor a respecto do desemprego
Ames, 27 de marzo de 2015.- O candidato do BNG de Ames, David Santomil, rexeitou o triunfalismo do Alcalde, Santiago Amor, ao que acusa de facer unha lectura interesada do descenso do desemprego no concello no último ano.
David Santomil lémbralle a Amor que desde que el tomou posesión da alcaldía en Ames, hai un 7,5% máis de desempregados no Concello, polo que na actualidade son 2708 as persoas do municipio que carecen de traballo. Xa que logo, Amor e o seu equipo foron incapaces de lle facer fronte a un dos principais problemas entre a veciñanza do concello, o desemprego.
Amor gábase dunha cifra conxuntural anual, que reflicte tamén o descenso ficticio derivado de que se vén aplicando nos últimos anos a exclusión das listas do paro das persoas desempregadas pero apuntadas en cursos de formación, entre outros. Por exemplo, tampouco contabilizan nos datos do desemprego os centos de mozos e mozas de Ames que teñen que emigrar por falta de oportunidades neste concello e no conxunto do país. E ademais moitas das persoas paradas menores de 30 anos, que buscan o seu primeiro emprego, ao non ter dereito a axudas ao desemprego por non ter cotizado anteriormente, non adoitan rexistrarse como demandantes ou en menor medida que os traballadores con cotizacións anteriores. As afiliacións á seguridade social dos menores de 30 anos son menos dun 10% das afiliacións totais do municipio, malia que representan un 21% da poboación do concello en idade laboral.
Xa que logo, as afirmacións de Amor non encaixan coa realidade dos centos de mozos e mozas do concello teñen que emigrar por falta de oportunidades ou co peche de locais comerciais do Milladoiro e Bertamiráns.
En cifras absolutas, apenas hai un descenso de 42 persoas desempregadas no sector da industria e 91 no da construción, os sectores aos que alude como exemplo de recuperación económica. As ditas cifras demostran por si mesmas, por desgraza, o reducido impacto das súas políticas de recolocación.
A referencia á atención desde os servizos de orientación laboral do Concello non agochan tampouco a absoluta falta de actuación en ámbitos como o de impulso e de desenvolvemento económico, áreas nas que o goberno do PP de Ames non pode enunciar medida ningunha ao longo destes catro anos.
En suma, lembra o candidato do BNG de Ames, que non só falla o PP nas políticas económicas globais, tendo en conta o fracaso da estratexia macroeconómica dos gobernos populares central e galego, senón que tamén adoecen de calquera iniciativa positiva e valente para a reactivación económica na "micropolítica" a nivel municipal, como demostra a inanidade mantida polo Alcalde de Ames en catro anos de goberno, onde non se lle veu fomentar a apertura ou ampliación de centros de traballo no concello.
Ames, 27 de marzo de 2015