Sesión-vermú para presentar na música Somos Ames
· O BNG-Asembleas Abertas de Ames presentará o vindeiro domingo nunha sesión-vermú o CD compilatorio na música Somos Ames
· A iniciativa pretende poñer en valor a creación cultural en Ames
Ames, 17 de abril de 2015.- O BNG-Asembleas Abertas de Ames presentará o vindeiro domingo nunha sesión-vermú o CD compilatorio na música Somos Ames, que inclúe doce pezas musicais da autoría de intérpretes e grupos do Concello.
A sesión-vermú terá lugar este domingo na Praza da Maía, en Bertamiráns, ás 13:00 horas, e contará coas actuacións en directo de Javier Constenla, Pilar Martínez e o dúo Verdegaio (Alexandre Cadarso e Javier Blanco), e coas intervencións do músico Xacobe Martínez e máis dAs Pandereteiras Maianas. En caso de chuvia, desenvolverase no café Ferlós, na mesma Praza da Maía.
Para o BNG é importante achegar a música que nace no noso concello aos veciños e veciñas de Ames, polo cal, para a presentación do CD, pensamos nunha sesión-vermú entendida coma un espazo aberto, de lecer, onde escoitar música en directo e desfrutar coas amizades e a familia, pois haberá algunha actividade para pequenos e pequenas. Deste xeito, ademais, contribuiremos a dinamizar o sector hostaleiro local dun xeito simbólico.
O Concello de Ames, que destaca pola grande tradición musical, conta arestora cun número importante de grupos e artistas musicais. Desde o BNG-Asembleas Abertas de Ames queremos poñer en valor a creación cultural que se fai a nivel local, polo que intentamos reunir o maior número de grupos de Ames cun cando menos un disco gravado neste compilatorio. A nosa proposta tivo moi boa acollida entre os grupos musicais, que amosaron moi boa disposición para facilitarnos unha peza que formase parte deste proxecto na música Somos Ames .
O compilatorio Na Música Somos Ames conta con grupos e músicas/os dunha gran calidade artística: Javier Constela, Maianas, Biribirlocke, Aspergillus, Som do Galpóm, Caxade, Xacobe Martínez Antelo, Pilar Martínez, Banda de Gaitas os Castros, Verdegaio, Dúo Finisterrae, Orquestra os Modernos.