As políticas de igualdade social e a loita contra a pobreza, obxectivos prioritarios

As políticas de igualdade social e a loita contra a pobreza, obxectivos prioritarios

O candidato á alcaldía de Ames polo BNG-Asembleas Abertas, David Santomil, asina o “Compromiso coas persoas” proposto pola Rede Galega de Loita contra a Pobreza

O BNG-Asembleas Abertas de Ames asume o compromiso de reducir nun 25% a pobreza en Ames (padécea un 19,9% da poboación) durante a vindeira lexislatura

Unha maior igualdade social é un dos piares do programa de goberno do BNG-AA de Ames e cruza transversalmente todas as áreas, xunto coa creación de emprego

Ames, 24 de abril de 2015.- O Concello de Ames é o décimo cuarto concello galego por renda media; pola contra, case un 20% da súa poboación está en risco de pobreza e exclusión: a riqueza non está ben repartida. Estes datos vense refrendados cos da renda dispoñible: un 17,70% das declaracións de persoas físicas de Ames non sobrepasan os 6000 euros anuais de base impoñible, e outro 17,58% os 12000 euros. Non parece admisible que en pleno século XXI haxa persoas nun concello como Ames que padezan situacións propias do XIX, polo que o BNG-Asembleas Abertas de Ames aprobou o pasado mes de marzo un programa de goberno que pon os focos principais nas políticas para conseguir unha maior igualdade social e para crear emprego.

 

No día de onte membros da candidatura amesá encabezados por David Santomil, aspirante á alcaldía, reuníronse con Xosé Cuns, da Rede Galega de Loita contra a Pobreza, a quen lle presentaron as medidas de goberno do BNG-AA que conforman “Ames a prol da igualdade social”, que recollen de xeito íntegro, entre outras propostas, as formuladas pola dita Rede co obxectivo de reducir nun 25% o número de persoas afectadas por situacións de pobreza e en risco de exclusión, que segundo os cálculos da propia Rede a partir de datos do Ministerio, supoñen un 19,91% da poboación de Ames (máis de 5.800 persoas).

 

Para isto, o BNG-AA de Ames asume o compromisos de aumentar o investimento real en actuacións de promoción social e priorizalas nos orzamentos municipais; mellorar a coordinación e  a corresponsabilidade política e técnica na loita contra a exclusión; favorecer a participación, a transparencia e a rendición de contas e traballar dende unha perspectiva non asistencialista, mediante plans a medio-longo prazo e impulsando asemade a inserción laboral e o emprego. O candidato do BNG-AA, David Santomil, asinou o “Compromiso coas persoas” que a Rede Galega contra a Pobreza lles propón ás candidaturas galegas. As prórrogas do orzamento de Ames durante estes últimos anos partindo de épocas de burbulla así como o incremento de ingresos a consecuencia das subas de impostos aconsellan considerar con prudencia as cantidades que se van destinar  a estas políticas, dada a posibilidade de que non se trate de orzamentos reais e que o BNG-AA quere elaborar uns orzamentos novos partindo de cero, non continuístas.

 

Estes compromisos reflíctense en medidas concretas como ampliar as axudas para situacións de emerxencia social para atender a máis persoas e para poder afrontar non só o alugueiro ou a hipoteca da vivenda e o pagamento dos recibos de servizos básicos coma auga e electricidade, senón tamén a compra de medicinas, produtos de primeira necesidade e produtos de limpeza, transporte, gastos de seguro, gastos funerarios, servizos de canguraxe, etc. e sobre todo axilizar a recepción desta e doutras axudas, facilitando que as persoas teñan no prazo máximo de 10 días hábiles, un profesional de referencia que facilite o seu acceso ás prestacións sociais e ao emprego e que coordine os diferentes servizos que poidan existir no territorio.

 

Transversalidade das políticas de igualdade social

 

O obxectivo de conseguir unha maior igualdade social en Ames non se limita á área de servizos sociais nos plans de goberno do BNG-AA, e a incidir nas políticas dirixidas á creación de emprego (oficialmente hai case 3000 persoas desempregadas en Ames) senón que cruza transversalmente as políticas dirixidas a diversos colectivos sociais (mulleres vítimas da violencia machista, por idades -infancia, mocidade, terceira idade-, persoas discapacitadas, persoas inmigrantes, etc.) e a diversas áreas: vivenda, educación, sanidade, deporte,  transparencia nas contas públicas, etc.

Así, inclúense actuacións como un plan de accesibilidade para persoas discapacitadas, a revisión dos baremos do prezo de servizos en función da renda (escolas infantís municipais, comedores escolares e os servizos educativos complementarios...), introducindo máis tramos para que pague menos quen menos ten e que pague máis quen máis ten; un programa de mediación para o alugueiro social, de tal xeito que persoas propietarias dunha vivenda desocupada poidan poñela en aluguer mediante a mediación das bolsas para o aluguer social, dependentes da administración local; un programa integral específico para a atención ás mulleres vítimas de violencia machista; posibilitar que todos os nenos e nenas de Ames teñan en tempo e forma os libros e o material escolar necesario, tanto incrementando as partidas destinadas a axudas para a adquisición de libros e material escolar e mellorando a súa xestión e percepción polas familias, como creando bancos de libros e material; un programa de bolsas para os estudantes das familias máis necesitadas o acceso aos estudos de bacharelato, formación profesional e universidade, que sexa eficaz e discreta; ou promover o deporte para todos, coidando especialmente a oferta de actividades físicas para nenos/as, que estean ao servizo da inclusión e a igualdade, que promovan as relacións entre nenos e nenas, o compañeirismo, o traballo en equipo e a respectuosa competitividade saudable, a participación de nenos e nenas con diversidade funcional e que lle devolvan o carácter de xogo ao deporte.

 

O BNG-AA aposta pola cobertura pública das necesidades sanitarias e educativas como ferramenta para a igualdade social, polo que esixirá da Xunta de Galicia que retome de inmediato a construción do novo centro de saúde do Milladoiro e que asuma novos equipamentos escolares que, por exemplo, cubran a falta de case 400 prazas para nenos/as de 0-6 anos.

 

Programa participativo

 

As máis de 300 medidas que compoñen o programa de goberno do BNG-Asembleas Abertas de Ames xurdiron en gran parte das achegas recibidas da nosa veciñanza nas xuntanzas abertas en que participaron libremente todas as persoas que quixeron achegar os seus coñecementos e opinións sobre a materia, nas reunións con asociacións de Ames de todo tipo e con persoas interesadas, a través de simples cafés, conversas telefónicas ou correos electrónicos.

O programa bebe, ademais, de documentos de referencia e propostas de colectivos galegos como a Rede Galega de Loita contra a Pobreza, a Confederación de Anpas Galegas, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Stop Desafiuzamentos ou Galiza PosPetróleo, así como de medidas impulsadas polo BNG noutros concellos que demostraron ser boas para a cidadanía, como Pontevedra, Allariz, Tomiño, Carballo, Ribadeo, Riotorto, San Sadurniño, Mondoñedo, Culleredo, Cariño, Zas, Bueu, Carnota, Rianxo...

As políticas de igualdade social e a loita contra a pobreza, obxectivos prioritarios