Outros ven dedos, nós vemos calidade nos obradoiros culturais
En relación coa nota de prensa de Pacto por Ames de onte 15 de setembro de 2015, sobre adxudicación a dedo da xestion dos obradoiros culturais, o BNG de Ames quere puntualizar o seguinte:
1. Entendemos a preocupación de PxA de velar pola transparencia, a equidade e a xustiza das adxudicación dos obradoiros culturais. No concurso formulado polo goberno do PP para tal xestión primouse por riba doutros aspectos o puramente económico e a capacidade de impartir obradoiros de todo tipo. Nestas condicións ningunha pequena empresa, asociación ou profesional, xa non do Concello senón galega, pode optar ao concurso fronte a grandes empresas como Eulen, xestionada por familiares do presidente da Xunta, que tanto lle dá á limpeza, como á seguridade como á xestión cultural. Daquela, a Pacto por Ames non pareceu importarlle esa imposibilidade. Trátase de visións políticas diferentes de como deben facerse as cousas. No BNG apostamos polo aforro, si, mais valorando a calidade dos servizos, a satisfacción das persoas usuarias e a xustiza cos traballadores.
2. As rebaixas escandalosas de empresas como Eulen neste tipo de concursos son posibles, entre outras causas, polas condicións laborais escandalosas para os seus traballadores. E tales condicións acaban repercutindo na calidade dos servizos prestados, como sucedeu en Ames cos obradoiros culturais e escolas deportivas, que suscitaron innumerables queixas dos usuarios/as e que motivaron que todos os grupos da oposición, incluído PactoxAmes, solicitara a rescisión do contrato a Eulen.
3. Dende a Concellaría de Cultura, dirixida por David Santomil, do BNG, fíxose un esforzo excepcional para en só mes e medio e en pleno verán poder, precisamente, atender esa demanda: preparar os informes técnicos para recibir o aval da Secretaría e da Intervención do Concello para non renovar a prórroga e mais preparar unha oferta alternativa de obradoiros.
4. Á hora de seleccionar as persoas que os imparten optouse por renovar aqueles profesores/as que xa o viñan facendo en anos anteriores (manualidades, teatro, bailes tradicional, etc.) con boas valoracións do público. No caso de xadrez, son dúas persoas cun curriculum destacado neste mundo. Un deles é Xoán Xosé Hidalgo Neira, Fido, un dos tres presidentes galegos da Federación Galega de Xadrez, que conta co título de árbitro autonómico de base e é fundador do único clube de xadrez existente na actualidade do Concello de Ames, equipo local que se posicionou este ano nas máximas categorías. E si, como ben apunta Pacto por Ames, ía na candidatura do BNG nas pasadas eleccións como suplente nº 2 Mais non foi esa a razón da elección, senón o seu inmellorable perfil como xadrecista, e por riba, de Ames. A selección do persoal para estes obradoiros culturais non está baseada na militancia política das persoas nin nos amiguismos, só nos interesa o valor contrastado que poidan aportar estes profesionais aos obradoiros. Por certo, tamén cómpre comentar que malia o perfil profesional desta persoa e das ofertas continuadas que lle fixo ao Concello, nunca lle permitiron impartir ningún obradoiro de xadrez, algo que o BNG non quere achacar a motivos políticos.
5. Aínda que non é obrigado pola lei, polo pequeno monto que representa o custo de cada obradoiro, gustaríanos poder facer unha convocatoria pública para poder coñecer máis persoas, asociacións, empresas de Ames interesadas en colaborar cos diversos obradoiros culturais e poder valorar máis posibilidades, pero debía ofrecerse uns obradoiros de calidade en setembro, en só un mes e medio. Tamén nos gustaría que no Concello existise xa un rexistro de profesionais e non o hai; tentaremos poñelo en marcha. E coincidimos na necesidade de poder inscribirse a través da páxina web, pero as características técnicas da aplicación que xestiona a web imposibilítano; haberá que agardar á nova web municipal