Iniciamos a campaña electoral coa disposición de ser alternativa de goberno
- Unha candidatura sólida e capaz e un programa participativo e con máis de 300 medidas, garantías dun goberno ao servizo das veciñas e veciños.
- Faremos públicas as nosas contas de campaña
Ames, 8 de maio de 2015.- O BNG-Asembleas Abertas de Ames iniciou ás 00:00 a campaña electoral coa disposición de ser alternativa de goberno a partir do vindeiro 24 de maio. David Santomil, o candidato á alcaldía, salientou a necesidade dunha remuda profunda e cunha maioría suficiente na corporación municipal para poder levantar o freo con que leva paralizado o concello de Ames nestes últimos oito anos e retomar a velocidade que se lle imprimiu cando o BNG formou parte do goberno amesán no período 2003-2007 co equipo liderado por Xosé Manuel Fernández. Deste xeito o BNG-Asembleas Abertas proponse como obxectivo liderar a alternativa á política de recortes, de parálise e de desgoberno sufridos estes últimos catro anos en Ames.
Para iso, o BNG-Asembleas Abertas de Ames conta cunha candidatura sólida, capaz, con iniciativa e cun programa de goberno con máis de 300 medidas, que están ao exclusivo servizo das veciñas e veciños. Ademais o BNG-Asembleas Abertas de Ames gábase das experiencias de goberno do BNG noutros concellos, que demostran ser boas para a cidadanía, como Pontevedra, Allariz, Tomiño, Carballo, Ribadeo, Riotorto, San Sadurniño, Mondoñedo, Culleredo, Cariño, Zas, Bueu, Carnota, Rianxo...
Candidatura
A candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Ames está encabezada por David Santomil, doutor en Xeografía e Ordenación do Territorio, que traballa na Axencia Galega de Innovación e ten 36 anos. Tras el, 14 homes e 14 mulleres, trece dos cales non superan os 40. Trátase dun lista renovada case na súa totalidade, aínda que seguen participando os ex-concelleiros Xesús Casas, Silvia Vázquez, Mercedes Vidal Chiruca e Xosé Manuel Fernández López, garantes de experiencia, coñecemento do concello e aprecio das veciñas e veciños.
Un terzo das candidatas e candidatos (10 de 30) son independentes que se incorporan tras o proceso de asembleas abertas, un diálogo coa base social nacionalista de esquerdas que quere cambiar este país cun proxecto nacional.
Por outra banda, a candidatura é unha representación da realidade amesá, ao contar con todo tipo de situacións profesionais e con integrantes dos dous núcleos urbanos, Bertamiráns e O Milladoiro, das parroquias (hai representantes de Biduído, Bugallido, Ortoño, Covas, Ames, Trasmonte e Piñeiro) e de urbanizacións (As Mimosas e Aldea Nova).
Pódes saber máis sobre a candidatura nas nosas páxinas web http://bng.gal/ames/candidatura-municipais-2015/ e www.somosames.gal, onde atoparás vídeos das persoas candidatas.
Programa de goberno
As máis de 300 medidas que compoñen o programa de goberno poñen a énfase na busca dunha maior igualdade entre as persoas, en crear condicións para xerar emprego mediante unha economía sustentable, en transformar Ames nun concello para vivir comodamente mediante un urbanismo racional e con respecto ao medio ambiente, en dinamizar a creación cultural e a lingua galega e en implantar un goberno aberto, transparente e participativo, que recupere os servizos públicos.
O programa de goberno é froito en gran parte das achegas recibidas da nosa veciñanza nas xuntanzas abertas en que participaron libremente todas as persoas que quixeron achegar os seus coñecementos e opinións sobre a materia.
O programa bebe, ademais, de documentos de referencia e propostas de colectivos galegos como a Rede Galega de Loita contra a Pobreza, a Confederación de Anpas Galegas, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Stop Desafiuzamentos ou Galiza PosPetróleo, así como de medidas impulsadas polo BNG noutros concellos que demostraron ser boas para a cidadanía, como Pontevedra, Allariz, Tomiño, Carballo, Ribadeo, Riotorto, San Sadurniño, Mondoñedo, Culleredo, Cariño, Zas, Bueu, Carnota, Rianxo...
O programa de goberno pódese consultar íntegro nas nosas páxinas web www.somosames.gal e www.bng.gal/ames. Ademais, estase divulgando en forma de pílulas ilustradas a través das nosas redes sociais www.facebook.com/bng.ames e @obloqueames en twitter