A alternativa á dereita e ao desgoberno necesita un equipo sólido e renovado coma o do BNG-AA"
A aposta pola política social e a creación de emprego, e a transparencia e a participación na xestión, piares do programa do BNG-Asembleas Abertas
David Santomil presenta a súa candidatura e o seu programa como determinantes para rematar con catro anos de desgoberno e loitas de intereses.
Ames, 15 de maio de 2015.- No acto público celebrado polo BNG-Asembleas Abertas na Praza de Manuel Murguía o candidato á alcaldía de Ames, David Santomil amosouse convencido de que o BNG será determinante para poñer fin a catro anos de desgoberno do concello, desatención aos veciños e veciñas e loitas de poder entre faccións do Partido Popular.
Santomil cre seguro que a partida en Ames está totalmente aberta. É posible botar fóra do goberno do Concello ao PP e ao seu descendente natural, Pacto por Ames. E para liderar a alternativa cómpre un equipo sólido e co aval da experiencia, mais totalmente renovado. Ningunha outra candidatura ofrece esta posibilidade agás a do BNG-Asembleas Abertas. E ningunha outra ofrece un programa de goberno con máis de 300 medidas para comezar a executar con paso firme a partir do día 24.
David Santomil, o aspirante á alcaldía de Ames, anunciou unha alternativa política centrada nas persoas, con especial atención ás políticas sociais, e na dinamización económica e a creación de emprego, con propostas para o aproveitamento e comercialización de recursos naturais propios no campo silvícola e agro-gandeiro, polo comercio local e apostando polas novas tecnoloxías e a investigación para implantar novos proxectos empresariais que aproveiten as sinerxías coa Universidade.
Tamén se referiu o candidato do BNG-Asembleas Abertas á necesidade de transparencia absoluta na información, nas contas e na contratación pública como base indispensable para combater a corrupción, e neste sentido anunciou a recuperación para o público de todos aqueles servizos que sexa posible, como o da auga. Ligada á transparencia, comprometeuse a que a participación non fique en simple lema, senón que implique unha mudanza no modelo de funcionamento do concello, garantindo que a elaboración de propostas e ordenanzas, a adxudicación de axudas e a xestión municipal se fai con garantías de participación e transparencia. Adiantou que no primeiro Pleno os veciños e veciñas de Ames contarán cunha quenda regulada de partipación como primeiro xesto para abrir o concello ao pobo.
No acto precedérono as veciñas do Milladoiro e candidatas no primeiro tramo da lista Isabel Moares, quen se referiu á mellora do transporte público, ás medidas en relación á educación e os servizos complementarios, e á necesidade de dinamización cultural e lingüística, e Isabel Vaquero, quen se comprometeu a aproveitar a revisión do PXOM para asegurar zonas verdes no Milladoiro e espazos para os equipamentos públicos aínda necesarios como un centro de día; a unha mellora nas rúas e na seguridade vial e a ocuparse de dous asuntos deixados da man do deus Amor: o centro de saúde e o cemiterio municipal.
David Santomil e o seu equipo estiveron arroupados polo portavoz do BNG no Parlamento Galego, Francisco Jorquera, quen presentou a candidatura como ferramenta do cambio político e de transformación no Concello de Ames, que merece moito máis que un goberno de costas á maioría social e que unha oposición municipal carente de alternativas.