Comunicado da Asemblea Aberta no 4 de xuño
O BNG-Asembleas Abertas de Ames insta a iniciar unha
negociación pública e transparente a catro bandas
Impedir un goberno de dereitas no Concello de Ames e garantir a gobernabilidade é
responsabilidade dos catro grupos (PSdG, Ames Novo, Contigo Pódese e BNG-Asembleas
Abertas)
Ames, 4 de xuño de 2015.- Os resultados electorais de Ames esixen que as forzas de esquerda dean rapidamente os pasos necesarios para ofrecer unha solución de gobernabilidade do xeito máis consensuado e estable posible para esta lexislatura, de xeito que se poidan afrontar con garantías os importantes retos que o Concello ten, logo de catro anos de desgoberno e parálise. Calquera outra proposta só serve para afianzar as dúbidas que moitas persoas senten xa sobre a gobernabilidade de Ames no vindeiro mandato ou para alimentar o temor a que a dereita volva gobernar.
A fragmentación e a igualdade nos resultados entre as forzas de esquerda non sinalan a ningunha para liderar claramente un goberno de tipo presidencialista. As catro forzas de esquerda debemos demostrar que somos capaces de antepoñer de xeito claro o interese da cidadanía a calquera intento de tirar réditos políticos, partidarios ou persoais.
O BNG-Asembleas Abertas reitera que os seus votos na investidura impedirán un goberno da dereita e,por extensión, das forzas de dereitas en Ames. Na negociación da gobernabilidade o obxectivo principal debe ser a definición dunha folla de ruta de actuacións do Concello e o compromiso por executalo e apoialo mediante a posta en común dos programas das catro forzas, así como a mudanza nas formas de goberno dando participación real e periódica aos veciños e veciñas.
Xa que logo, instamos a que se inicie unha negociación pública, conxunta entre o PSdG - PSOE, Ames Novo, Contigo Pódese e BNG-Asembleas Abertas, coa máxima transparencia e rapidez, que debe rematar coa publicación, para o coñecemento das veciñas e veciños, dun documento de acordo que nos comprometa na gobernabilidade do Concello neses termos. Pola nosa banda, ofrecemos unha actitude aberta e negociadora.
Para o BNG-Asembleas Abertas, velar polos intereses das veciñas e veciñas é a premisa básica para apoiar unha investidura ou apoiar/participar no goberno. Dende a nosa perspectiva, iso pasa tanto por executar certas actuacións prioritarias como por asegurar transparencia, participación e rexeneración democrática, no sentido expresado pola cidadanía nas eleccións. Na asemblea aberta que celebramos onte no Pazo da Peregrina concretamos o seguinte decálogo de condicións:
1. Dar participación á veciñanza implicando unha mudanza no funcionamento do concello. Crear foros de participación sectorial e abrir unha quenda de participación veciñal dende o primeiro pleno. Orzamentos participativos.
2. Transparencia na xestión: contratación pública aberta en todos os casos, publicación periódica das contas do concello (ingresos e gastos). Remunicipalización en canto sexa posible de servizos públicos básicos como o da auga. Auditorías de contratas e servizos.
3. Goberno non presidencialista e de relación entre iguais, con delegación de competencias e sinatura na Xunta de Goberno Local e nas concellerías correspondentes. Goberno democrático, con medios para o traballo responsable dos diferentes grupos municipais. Recuperación do diálogo cos traballadores/as do Concello.
4. Revogar o plan de axuste e elaborar dende cero os orzamentos, para destinar os maiores esforzos económicos aos servizos públicos, á política social e á creación de emprego, e non á banca, negociando prazos máis longos de amortización. Compromiso do futuro goberno de enfrontar a política de recortes nos servizos públicos, estudando alternativas ante as limitacións de gasto impostas aos concellos.
5. Mellorar e ampliar a axuda para atender necesidades sociais e, de xeito inmediato, a situacións de emerxencia: bolsa de vivenda e mediación para o alugueiro contra desafiuzamentos e ampliación e mellora das axudas sociais. Revisar o prezo dos servizos públicos en función da renda.
6. Xerar as condicións para crear emprego: afortalar o servizo de desenvolvemento local; crear a bolsa de emprego social; fomentar iniciativas empresariais de I+D+i; apoiar o comercio local; impulsar a transformación de produtos primarios e a súa comercialización con mellores mercados de rúa.
7. Apertura do cemiterio municipal no primeiro ano de mandato. Cesión da parcela para o Centro de Saúde do Milladoiro. Cesión da parcela para ampliar a EDAR de Bertamiráns. Reclamar equipamentos e dotacións á Xunta e ao Estado (IES Milladoiro, Centro Saúde Milladoiro, EDAR Sisalde, tráfico do Milladoiro, etc.). Completar o abastecemento de auga e a rede de saneamento no rural. Iniciar a revisión do PXOM para conseguir terreos para espazos verdes para O Milladoiro e demais equipamentos públicos (centro de día, novos centros educativos...). Asegurar a produtividade das brigadas de obras e ambientais do concello con dirección profesional e permanente. Mellora do transporte público e establecemento de rutas de transporte colectivo internas no concello. Impulso ao aforro enerxético.
8. Impulsar a creación cultural: programación cultural para todos, escolas municipais (música, teatro...) e o apoio ás asociacións e artistas locais (axudas e espazos en sentido amplo).
9. Impulsar para todos a actividade deportiva e as actividades ao aire libre que permitan ademais coñecer o concello e o país.
10. Recuperar as políticas de normalización lingüística na Administración municipal, concienciar da necesidade de preservar a nosa lingua, e abrir novos espazos e redes para fomentar o uso social do galego.