Arrinca a campaña electoral do BNG-Asembleas Abertas de Ames!
A campaña inclúe actos en todas as parroquias e nos dous núcleos urbanos.
O BNG-Asembleas Abertas de Ames non fará mailing para enviar as súas propostas, senón repartimentos porta a porta.
Ames, 8 de maio de 2015.-A campaña, que arrincou ás 00:00 h coa tradicional pegada de carteis, inclúe actos nos dous núcleos urbanos da localidade e en todas as parroquias, estes últimos precedidos de encontros e repartos porta a porta, na busca dunha meirande proximidade coas veciñas e veciños. Os actos públicos no rural serán nos habituais centros socio-culturais e teleclubs e nos núcleos urbanos serán en prazas se o tempo o permite (senón, nas casas da cultura correspondentes). O peche de campaña será en Bertamiráns, onde está confirmada a presenza do deputado Francisco Jorquera.
Os actos de campaña, todos ás 20:30 agás que se indique outra hora, son os seguintes:
Domingo 10: Covas (13:00 h)
Luns 11: Biduído
Mércores 13: Augapesada
Xoves 14: Ameixenda (12:00)
Venres 15: O Milladoiro
Sábado 16: Piñeiro (e Tapia)
Domingo 17: Trasmonte (12:00 h)
Luns 18: Ortoño
Martes 19: Agrón (e Lens)
Mércores 20: Mítin comarcal
Xoves 21: Bugallido
Venres 22: Bertamiráns (coa presenza de F. Jorquera)
Cómpre salientar que a campaña electoral corre a cargo exclusivamente de recursos propios do BNG, tanto da militancia con cotas extraordinarias como das achegas dos simpatizantes. Non se pediu un can nos bancos nin se gastan cartos públicos para a nosa campaña. Precisamente por este motivo non haberá mailing (envío a través de Correos) que leve as nosas propostas ás casas, senón que seremos os propios militantes do BNG e participantes nos Formigueiros (rede de activistas formada por voluntarios e voluntarias de apoio ás candidaturas) os que nos ocupemos de repartir persoalmente nas vivendas.
David Santomil, o candidato á alcaldía, reitera a súa total disposición a seguir reuníndose, logo dun intenso periplo de xuntanzas por todo o concello, para escoitar a todos aqueles veciños e veciñas que o desexen ao longo destes quince días de campaña.