CEMITERIO: O Valedor do Pobo avala as nosas demandas

CEMITERIO: O Valedor do Pobo avala as nosas demandas

valedor1

O valedor do Pobo recoméndalle ao Concello de Ames que actúe para poñer en funcionamento o cemiterio municipal con dixilencia

• Para o BNG, entre esas actuacións inclúese ademais a reparación inmediata dos elementos danados polo abandono das instalacións

• O BNG esixe ademais que o Concello ofreza unha solución provisoria para as familias de Ames que o necesiten.

Ames, 13 de novembro de 2014. O valedor do Pobo, José Julio Fernández Lozano, informou por escrito á familia de Ames que interpuxo unha queixa perante esta institución por mor da falta do cemiterio municipal, das actuacións levadas adiante. O valedor solicitoulle información ao alcalde de Ames para esclarecer por que non está funcionando un cemiterio municipal que está construído e recibido dende 2010.

Na súa resposta, que a comunicación do valedor transcribe, o alcalde vén escusando a súa falta de actuación no atraso da resolución dun preito coa empresa Winterra, a empresa encargada da execución das obras do cemiterio. Porén, a día de hoxe o preito segue sen estar resolto, logo de que se ditara sentenza en primeira instancia o 4 de marzo e que esta se apelara, e, sen embargo, a licitación do cemiterio figura entre as previsións de contratacións para este ano que andamos, primeiro para xuño e posteriormente para novembro. Ademais o señor alcalde anunciou, como resposta a unha pregunta formulada polo público no pasado Pleno do mes de outubro, que este mesmo ano (novembro ou decembro) sometería á aprobación un regulamento de funcionamento municipal. Xa que logo, o preito non é a causa de atraso de case cinco anos na apertura do cemiterio municipal.

“Para dar cumprimento á prestación dun servizo municipal mínimo e obrigatorio, deberá impulsar a actuación das unidades administrativas implicadas na posta en funcionamento do cemiterio municipal de Ames” para que “se poida proceder autorizar os enterramentos dos veciños interesados, coa dilixencia debida e dentro da legalidade vixente”, recoméndalle o valedor ao Concello dirixido polo popular Santiago Amor. Así pois, para o valedor do Pobo a causa que impide ofrecer este servizo obrigado pola Lei reguladora das bases do réxime local é a falta de impulso por parte do goberno municipal, un problema recorrente no goberno de Santiago Amor que temos cualificado xa demasiadas veces de incapacidade.

Ademais da actualización da autorización por parte da Consellaría de Sanidade, da aprobación do regulamento de funcionamento ou ordenanza fiscal que fixe as taxas pola prestación de servizos no cemiterio, así como da licitación co seu correspondente estudo económico-financeiro, cómpre tamén realizar os arranxos oportunos polo grave deterioro das instalacións , debido á situación de abandono en que estiveron durante estes anos. Veremos se non resultan demasiadas actuacións para tan pouco impulso.

O BNG, ademais, reclama que o goberno municipal ofreza, para aqueles desgraciados casos en que algunha familia de Ames se vexa obrigada a soterrar un defunto e siga sen ter onde, unha solución provisoria mentres non se abra o cemiterio municipal.

Cronoloxía

2009, 14 de xullo: A empresa Winterra comeza a segunda fase das obras de construción do cemiterio municipal con financiamento do Fondo Estatal de Investimento Local. (http://www.concellodeames.org/nova.php?noticia=4123&idioma=gl&sec=32)

2010, 29 de xaneiro: O Concello recibe as obras do cemiterio municipal.

2010, 19 de agosto: O Concello obtén a autorización sanitaria da Consellaría de Sanidade.

2010, 6 de outubro: O Concello levanta unha acta notarial e emite un informe sobre graves defectos no cemiterio.

2011, 22 de maio: Rematan os traballos de acondicionamento e xardinería do cemiterio (http://www.concellodeames.org/nova.php?noticia=6352&idioma=gl&sec=32)

2011, 27 de agosto: O novo goberno municipal anuncia que, “consciente da urxencia da xestión desta obra antes de que o seu deterioro sexa maior, están buscando fórmulas para sacar adiante o cemiterio municipal” e “que se está estudando a xestión e o mantemento do cemiterio”.

(http://www.concellodeames.org/nova.php?noticia=6793&idioma=gl&sec=32)

2012: A empresa Winterra presenta un contencioso contra o Concello de Ames polas actuacións que realizara este (retirada de avais) perante a negativa da empresa a acometer as reparacións.

2012, decembro: Unha familia de Ames diríxese ao alcalde para tentar solucionar o enterramento dun familiar. Non recibe ningunha solución, pero si a promesa de que en 2013 o cemiterio vai abrir.

2013, xullo: O Concello solicítalle á Deputación da Coruña un informe para a elaboración dun estudo económico-financeiro sobre o cemiterio.

2014, xaneiro: No Plan para a mellora da contratación administrativa municipal correspondente ao primeiro semestre de 2014 (o terceiro plan semestral de mellora, logo dos dos semestres de 2013) figura como previsión para o mes de xuño a licitación do cemiterio municipal.

2014, 29 de xaneiro: Entra no Concello o informe da Deputación da Coruña.

2014, 4 de marzo: O xulgado do contencioso nº 2 de Santiago dita unha sentenza, sen que saibamos cal é o resultado. A sentenza é apelada, sen que saibamos por quen.

2014, xullo: No Plan para a mellora da contratación administrativa municipal correspondente ao segundo semestre de 2014 figura como previsión para o mes de novembro a licitación do cemiterio municipal.(http://www.concellodeames.org/media/documentos/plan_mellora_contratacion_banner.pdf)

2014, outubro: Unha familia de Ames presenta unha queixa perante o valedor do Pobo pola falta do cemiterio municipal.

2014, 20 de outubro: O alcalde remítelle ao valedor unha resposta sobre a información requirida.

2014, 30 de outubro: O alcalde, en resposta a unha pregunta feita polo público no Pleno Municipal, anuncia que entre novembro e decembro ha traer ao Pleno unha proposta de regulamento de funcionamento do cemiterio municipal.

CEMITERIO: O Valedor do Pobo avala as nosas demandas