Somos Ames: a nosa iniciativa para elaborarmos un programa electoral participativo
O BNG de Ames impulsa a iniciativa Somos Ames para elaborar un programa electoral participativo
Ames, 28 de novembro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego de Ames presentarase ás eleccións municipais cun programa participativo e inclusivo elaborado a partir das colaboracións de colectivos sociais de todo tipo do Concello de Ames. Así mesmo, o BNG avanzará na elaboración dunha candidatura aberta centrada en Ames e Galiza.
A iniciativa SOMOS AMES percorrerá as parroquias de Ames, para ver de incorporar as principais demandas dos veciños e veciñas no programa electoral do BNG e nas Asembleas Abertas que seguirán organizándose ata maio de 2015.
Esta semana comezaron a organizarse os diferentes grupos de traballo que conforman a iniciativa SOMOS AMES. O primeiro deles inclúe as áreas de benestar social, igualdade e servizos públicos de calidade, que onte mesmo mantivo unha xuntanza con colectivos sociais en Bertamiráns, e que xa recolleu numerosas e interesantes achegas en canto ao dereito á vivenda e á sanidade pública, a loita contra a exclusión social, a igualdade entre mulleres e homes, a atención e os coidados á terceira idade, a inmigración, o respecto á diversidade, entre outros temas.
Todos os contidos do programa estarán proximamente dispoñibles nunha páxina web propia e nas redes sociais co hashtag #somosames, co obxectivo de que calquera persoa ou colectivo poida facernos as súas propias achegas ou expresar as súas opinións.