As nosas emendas ao proxecto de Orzamentos da Xunta
Tres emendas do BNG aos orzamentos da Xunta para Ames
- O proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia non inclúe ningunha partida para o Concello.
- O BNG reclama case catro millóns de euros para Ames, para dotar equipamentos básicos
Ames, 1 de decembro de 2014.- O proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia non inclúe nin unha soa partida para dotar ao Concello de Ames dalgún dos equipamentos básicos que lle cómpren a este municipio de case trinta mil habitantes. O grupo parlamentario do BNG presentou tres emendas, a instancias do BNG de Ames, por valor de case catro millóns de euros, co fin de acometer melloras substanciais en tres materias: educación, sanidade e medio ambiente.
1. Accesos e dotación do IES do Milladoiro (450 mil )
O tan necesario IES do Milladoiro abriu as portas en setembro de 2013, xa daquela con dous importantes problemas: carencia de equipamentos e recursos, e falta de accesos.
Actualmente, no segundo curso da súa andaina, a falta de equipamentos e recursos segue sen solucionarse. Estamos falando de cousas tan básicas como que hai aulas que non están dotadas de encerado normal, que non se dipón de mapas para o ensino de xeografía, que apenas hai ordenadores nin impresora nin canóns (só os hai na única sala de informática o IES); nin paragüeiros, papeleiras, andeis abondos e restante mobiliario para a biblioteca, ademais das necesidades imprescindibles para os departamentos.
O acceso estase efectuando unicamente pola entrada que dá ao aparcadoiro da Casa da Cultura; o acceso posterior, necesario para situacións de emerxencia, ficou abandonado logo de comezarse a principios de ano. Trátase dunha rúa que iría dende o Polígono do Novo Milladoiro ata a estrada de Ventín. Na actualidade hai un tramo sen rematar ao que só lle falta asfaltar e os servizos, outro tramo achandado pero sen máis obra, e un último tramo xusto diante do instituto onde mesmo cómpre aínda remover a terra. Logo restaría o anaco desde o instituto ata a estrada de Ventín, que xa non se orzamenta na nosa emenda.
Non parece normal que se poida inaugurar un centro sen todos os accesos necesarios e sen dotación de equipamentos e material, e menos que chegue ao segundo curso coas mesmas deficiencias.
2. Centro de Saúde do Milladoiro (3 millóns )
O actual edificio, de propiedade municipal, ademais das humidades e filtracións cos problemas consecuentes pingueiras, cheiros, fungos dende hai anos, está pensado para atender a poboación que O Milladoiro tiña hai máis de 20 anos, unhas 2000 persoas. Pero actualmente viven nesta localidade máis de 12.000 persoas de dereito, polo que é hoxe absolutamente insuficiente, está saturado. Ademais, varias das consultas se atopan no segundo andar, que carece de ascensor, o que dificulta gravemente o acceso a persoas maiores ou con problemas de mobilidade.
Tres parcelas posibles
A parcela cedida ao Sergas dende 2008 (5 mil m² no S-15, Travesía do Porto Sur) está afectada de novo por un segundo contencioso dun particular sobre a súa edificabilidade (tras unha anulación do Plan parcial polo TSXG). Sería legal comezar as obras, malia a inseguridade xurídica que padece.
Con todo, O Milladoiro aínda dispón de dúas parcelas maís para construír o Centro de Saúde. En 2010 o Concello de Ames cedeu a parcela EQ-3, de 4.700 m², do polígono de Galdrachán (entre o instituto e o polígono do Novo Milladoiro) á Xunta, para o parque de bombeiros, do que non se sabe nada.
Ademais, en 2012 procedeu a unha modificación dos plans parciais dos sectores S-14 Travesía do Porto norte e S-16 Galdrachán do Milladoiro, co que se obtivo unha parcela de 8.000 m² ao pé da Casa da Cultura e das pistas deportivas, apto para construír un novo equipamento público. O PP, que para isto si que buliu, cedeulle 2.000 m² á Igrexa Católica. Con todo, aínda están dispoñibles m² máis que suficientes para o centro. E lembremos que a Xunta mesmo podería exercer o seu poder expropiador se o estimase necesario para poder construír este equipamento sanitario.
Dous proxectos
O Sergas conta con dous proxectos aprobados dende o ano 2009 para este centro de saúde, que custaron en total 131.438 euros, para un edificio que aínda non se construíu.
En marzo de 2009 o goberno do bipartito licitaba o proxecto básico e de execución do novo centro sobre a base dun proxecto funcional pensado para unha poboación de 15 mil habitantes.
Segundo este proxecto o novo centro, cunha superficie construída de algo máis de 2000 metros cadrados, contaría con sete consultas de medicina xeral, sete consultas de enfermería, unha consulta para matronas, unha sala de educación maternal, dúas consultas de odontoloxía, unha para o traballador social, unha sala de mostras, unha para a realización de cirurxía menor, e cinco consultas polivalentes. Tamén tería consulta de fisioterapia, dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería de pediatría. Ademais de todo o antedito, contaría con arquivo de historias clínicas e sala de xuntas/biblioteca, entre outras dependencias.
Só uns meses despois o novo goberno do PP volveu licitar o proxecto do centro de saúde sen que se coñeza a causa.
Sen orzamentos
Nos orzamentos da Xunta veuse recollendo unha dotación para este centro de saúde dende hai anos. De feito, nin sequera a situación urbanística do sector S-15 (o cedido inicialmente) non impediu que en 2010 a conselleira de Sanidade Pilar Farjas cacarexara a bombo e prato que en 2011 construiría o novo centro de saúde do Milladoiro.
En 2013 e 2014 non se consigna ningunha partida para tal edificio nos orzamentos da Xunta. En febreiro de 2014, por mor das humidades e pola derruba de parte do teito do centro actual, da reunión en que falaron da necesidade dun novo centro, nin o alcalde nin a conselleira de Sanidade exerceron vontade suficiente como para poder reflectir o novo centro nos novos orzamentos de 2015.
3. Ampliación da depuradora de Sisalde (500 mil )
A depuradora actual é totalmente insuficiente e cómpre ampliar a capacidade de actual, insuficiente para atender correctamente a tantos veciños, o que satura as instalacións, polo que a metade do caudal non pasa polo proceso de depuración, producíndose vertidos ao río Sar.