O BNG de Ames esixe a ampliación do Xuño Lúdico
Ames. 17 de xuño de 2014.- As bases dos programas lúdicos de Ames deste ano, publicadas o 26 de marzo, recollían por vez primeira, por mor do establecido no Plan de axuste 12/22, que se limitaría o número máximo de usuarias deste servizo mediante un decreto da Alcaldía antes do prazo de inscrición, o cal se produciu cun decreto do 21 de maio, que fixa o máximo de prazas do Xuño Lúdico en 195 e engade que, en caso de que se excedan as prazas dispoñibles, se efectuará un sorteo para determinar os nenos/as usuarios/as finais.
Ata o 11 de xuño (tres meses máis tarde) o Concello non publicou as listas provisionais de admitidos e excluídos, e loxicamente aínda se dispón dun prazo (ata este xoves 19 de xuño) para reclamacións. Xa que logo, a lista definitiva vaise publicar o venres 20 e como xa se sabe que o número de solicitudes supera o de prazas, vaise efectuar o sorteo de que falan as bases o propio venres 20, cando o programa Xuño Lúdico comeza o día 23. Isto é: a dous días (fin de semana) do inicio do problema de conciliación para as familias de Ames, é cando estas van saber se contan cun servizo municipal ou non, e neste caso buscar unha solución alternativa.
Para o BNG de Ames esta é unha proba máis da chapuceira xestión do PP de Santiago Amor.
Un servizo ata hai pouco modélico, pensado para solucionar problemas de conciliación familiar en períodos vacacionais, devén unha chapuza que invita ás familias a buscar alternativas de tipo privado ou a utilizar a familia e amizades para poder seguir traballando e atender as nenas e nenos. Ao problema dos tempos na xestión do programa se une e escasa marxe prevista polo Concello en canto ao número máximo (195), pois xa en 2013 este programa acolleu 189 nenas e nenos. Segundo nos comentan varias familias, o número máximo estaría superado en 20 solicitudes.
Diante de semellante chapuza, o BNG de Ames esixe a ampliación do número máximo de usuarios/as, de xeito que poida atender todas as solicitudes. Por outra banda, así o PP de Ames tería máis doado executar o orzamento previsto; non esquezamos que foi incapaz de executar boa parte do orzamento de 2012: o 67,8% do capítulo de investimentos (case 3 millóns de euros sen gastar) e o 30,4% en gastos de capital, cando se trata precisamente daqueles fondos que máis contribúen á incentivar a economía no concello e fortalecer os servizos públicos locais.