O BNG pide que se manteñan as escolas de Agrón e Covas
A Xunta de Galiza pretende pechar as escolas unitarias de Agrón e Covas no concello de Ames, segundo denuncian as nais e pais dos alumnos e alumnas escolarizados nas mesmas. A Xunta non confirmou dun xeito oficial esta decisión, porén as nais e pais teñen información solvente, xa que alertaron que o peche foi comunicado polo servizo de Inspección o martes desta semana ás dúas profesoras das escolas amienses, ás que se lles afirmou a intención da Xunta de que non continuarían abertas.
Estas dúas escolas unitarias cumpren sobradamente cos requisitos que até o momento estaba usando a Xunta de Galiza, que viña esixindo un mínimo de seis alumnos. No caso da unitaria de Covas, hai 14 nen@s preinscrit@s para o próximo curso, fronte aos nove matriculados no que agora termina. No caso da escola de Agrón parte con dez escolares anotados, o mesmo número que a matrícula actual. Ademais diso, os centros a onde pretenden desprazar ese alumnado están ao límite da súa capacidade, e terían que acometer modificacións para atendelos no curso que vén, afectando a espazos e aulas común, como no caso do Colexio de Baouta que ficaría sen aulas de informática.
O BNG rexeita o peche de escolas rurais e a política do PP de desmantelamento do ensino público
O BNG rexeita de plano estas intencións e reclama que estas escolas sigan funcionando. Non hai razóns que xustifiquen o peche destas escolas, máis alá da intención de desmantelar o ensino no rural. De feito a asfixia da educación no rural é parte do desmantelamento que está a padecer o medio rural no seu conxunto. O potencial que a escola e outras entidades podían exercer como dinamizadoras da sociedade rural é ignorado no deseño e desenvolvemento da política educativa. As medidas que se tomaron dende a Consellería de Educación contraviñeron e impediron unha planificación comprometida coa realidade do mundo rural e cun ensino de calidade, contextualizado e dinamizador do medio rural.
Por iso, o BNG instou á Xunta de Galiza, a través da deputada no Parlamento Galego Ana Pontón, para que manteña en funcionamento as escolas unitarias de Agrón e Covas, no concello de Ames, e consecuentemente manter a súa actividade no vindeiro curso escolar 2013-2014.