No día de hoxe, 8 de febreiro de 2021, o Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento Galego presentou unha serie de iniciativas parlamentares sobre o problema orixinado polo Plan de Transporte Metropolitano recentemente aprobado pola Xunta nas parroquias amesás de Ortoño, Bugallido e Biduído.
A iniciativa, partindo das parlamentarias Paulo Ríos Santomé, Luis Bará Torres e Iria Carreira Pazos, consiste en dúas Proposicións non de lei e dúas Preguntas para resposta, onde se describe de xeito pormenorizado como unha liña de autobús que viña operando por 50 anos foi eliminada dun día para o outro sen alternativa para os veciños e veciñas.
Circunstancia agravada polo feito de que dentro das alegacións que se presentaron polo Concello de Ames, do que forma parte o Bloque Nacionalista Galego, ía incluída a solicitude ao goberno galego de que engadira esta liña ao Plan, xunto con outras melloras ao servizo.
Algunhas das preguntas que o Grupo Parlamentar do BNG remitiu ao goberno galego para a súa contestación foron: os motivos polos que non se incluiu esta liña no Plan de Transporte Metropolitano, que vai facer a Xunta para dotar do servizo de transporte á veciñanza afectada e cal foi o motivo do rexeitamento das alegacións feitas polo Concello de Ames no ano 2017 para a inclusión desta liña no Plan de Transporte.
As proposicións non de lei inciden directamente no problema, ao instar á Xunta a que modifique o Plan de Transporte Metropolitano para reverter a situación de falta de servizo do transporte colectivo nas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído.
Como BNG de Ames xa advertíramos desde novembro de 2020 das grandes eivas do Plan, da pouca transparencia por parte da Xunta na súa redacción e aceptación de alegacións así como a falta de incremento de liñas. Todo isto, sumado ao deficiente servicio que están a padecer os núcleos urbáns do concello actualmente obrigará ao BNG a seguir a esixir ao goberno galego unha modificación sustancial deste Plan de Transporte.