O BNG súmase ás reivindicacións das centrais sindicais e do colectivo de traballadores e traballadoras da Mancomunidade Serra do Barbanza, que reclaman garantir a continuidade do cadro de persoal, máis de 150 traballadores/as, do Complexo Medioambiental de Lousame a partir do ano 2023, período no que remata a actual concesión de FCC.
Os/as representantes municipais do BNG dos concellos de Ames, Brión, Lousame, Rois, Noia, Porto do Son, Muros, Carnota e Pontecesures, xunto cos Deputados do Parlamento galego Rosana Pérez e Xosé Luís Bará, mantiveron unha xuntanza na Casa da Cultura do Milladoiro (Ames) para analizar a situación na que se atopa a Mancomunidade Serra do Barbanza e solicitar a convocatoria dunha asemblea da entidade supramunicipal.
A Mancomunidade debe dotarse dun novo órgano de xestión permanente, que escoite a todos os concellos e atenda as necesidades de funcionamento da planta de Lousame. O actual modelo de rotación da presidencia e secretaría da entidade entre concellos non é operativo, polo que resulta fundamental a redacción dun novo convenio e licitar o servizo antes de finalizar a actual concesión administrativa no ano 2023.
SOGAMA non é a solución
Para os representantes do BNG nos concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza, a planta de Lousame supón unha alternativa ao modelo de incineración de SOGAMA, cunha aposta polo emprego e o tratamento de proximidade, a compostaxe e a descentralización no tratamento do lixo.
Neste senso, solicitarase a colaboración institucional da Xunta de Galiza a través do grupo Parlamentar do BNG.