Desde o BNG de Ames todos os anos realizamos unha pequena homenaxe aos Homiños de Boimorto, concelleiros da corporación democrática dese concello no ano 1936 que, naquela altura, foron asasinados polo fascismo durante a guerra civil española nos Batáns en Ames, o 20 de agosto.
Este ano, querendo cumprir a vontade das familias dos represaliados e da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) e institucionalizar na medida do posible esta homenaxe, sumámonos á realizada este 2022 de forma institucional desde o Concello de Ames.
Achegámonos, desde o BNG de Ames, compañeiros e compañeiras do BNG doutros concellos da comarca, familiares dos asasinados, membros da ARMH e representantes dos concello, este 31 de agosto, ás 18:00 horas, na carballeira de Ortoño, ao carón da igrexa parroquial. Alí tamén se informou polo arqueólogo da ARMH sobre os traballos realizados, este ano e os previos anteriores, que comezaron xa no ano 2007.
Desde o BNG de Ames seguiremos rendendo esta necesaria homenaxe e tentaremos que en Ortoño, lugar do seu enterramento, se lles poida brindar recordo na súa memoria cunha placa conmemorativa.