Hai 83 anos, o 20 de agosto de 1936, eran asasinados polo franquismo, na curva dos Batáns, 6 membros da Corporación democrática do concello de Boimorto, coñecidos desde aquela na memoria dos veciños e veciñas de Ortoño como "Os Homiños de Boimorto". Desde o BNG de Ames rendémoslle homenaxe nas placas respostas o ano 2006 pola Concellería de Cultura, dirixida naquela altura polo concelleiro do BNG Xosé Manuel Fernández.
Neste 2019 achegámonos nun sinxelo acto a depositar seis flores, unha por cada un dos "homiños", víctimas da represión fascistas, para dar fe do seu compromiso democrático, que facemos noso, o día do seu fusilamento. Desde o Bloque Nacionalista Galego, con varias homenaxes ao longo do país aos asesinados e asesinadas entre os anos 1936 e 1939 -en Pontevedra homenaxeando a Alexandre Bóveda, en Santiago a Ánxel Casal, etc.-, así como na posterior represión franquista, reclamamos anular todos os xuízos e todas as condenas ditadas polos tribunais franquistas e instaurar este 17 de Agosto como Día da Galiza Mártir como xesto de homenaxe ás vítimas da represión así como sacar adiante unha Lei da Memoria Histórica de Galiza.
En Memoria dun silencio, Xosé Luís Rivas "Mini", parlamentario do BNG, escrebe: “Na parroquia de Ortoño, na curva dos Batáns, á beira da carretera aparecen seis. Os veciños recóllenos e lévanos ó adro da igrexa nun carro do país. Alí son fotografiados un por un e inscritos con partida de defunción, numerados, coma descoñecidos. O cura, que ve que algúns levan escapularios ó pescozo, mándaos soterrar en sagrado nunha fosa común xunto cun mestre novo do que non sabemos o nome. Están no lado dereito, á beira do ángulo dianteiro da igrexa parroquial. Anos despois serán identificados pola foto e pola descripción por familiares seus”.
Ramón Enjumio, Manuel Espiñeira, Isidro Filloy, Juan Martínez, Xose Tojo e Xosé Barreiro.