É O MOMENTO
O BNG ten proxecto, equipo e líder para facer de Ames o mellor concello para vivir
05 mar. 2023 - 20:46
“O BNG ten un proxecto para Ames. Puidémolo demostrar ao longo destes oito anos nalgunhas áreas de goberno, que deixaron pegada na calidade de vida de toda a veciñanza, no seu benestar social e no dinamismo económico e cultural do concello. Mais É o momento de ir un paso máis alá, agora temos a oportunidade de trasladar todo ese traballo ao conxunto do goberno e sumar Ames aos concellos marca BNG”.
Así de orgullosa e contundente se amosaba a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no acto de presentación o primeiro tramo da candidatura ás próximas eleccións municipais do 28 de maio celebrado esta fin de semana na Casa da Cultura do Milladoiro.
Pontón valorou o traballo feito por David Santomil durante este mandato e a súa capacidade para liderar un equipo que fixo de Ames “un concello que deixou de ser periferia para se converter nun concello para vivir”.
“David, unha persoa preparada, solvente, nova pero con moita experiencia, que coñece as necesidades do concello e ten unha folla de ruta para o seu crecemento, ten que ser o próximo alcaldes de Ames”, asegurou.
A líder nacionalista recoñeceu, ao subir ao escenario, que por unha banda era sinxelo falar de David e do seu traballo no goberno local de Ames, pero, por outra, complexo dado o nivel dos intervinientes que a precederon, que deron ao acto un ton emotivo e de proximidade ao achegarnos ao perfil de Santomil máis humano, amigo, músico, xeógrafo, académico, alén de institucional e político.
Perfil do candidato
Ante un auditorio cheo, que congregou a veciños, veciñas, amizades, representantes e compañeiros e compañeiras de candidaturas de concellos da contorna, como Goretti Sanmartín, cabeza de lista por Santiago, tomaron a palabra Isabel Vaquero, actual responsable local do BNG Ames, Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e Rubén Lois, catedrático de Xeografía da USC e director da tese de doutoramento de Santomil.
Vaquero referiuse aos tempos en que coñeceu a David, en 2003, participando na candidatura encabezada por Xosé Fernández, a primeira que chegou a gobernar Ames, e ao compromiso de David co BNG e co concello do que é oriúndo, no momento en que o BNG perdera polos seus problemas internos a representación do goberno e David decidiuse encabezar a lista, abandonando un posto de traballo cómodo e que o facía feliz como técnico de I+D+i na Xunta de Galicia e nun momento persoal moi feliz, como pai de estrea. Concluíu aludindo á súa perseveranza, paciencia, tolerancia e capacidade de diálogo nos momentos de maiores tensión, polo que cualificou a Santomil como un candidato feito (axeitado, xeitoso) e de feitos.
Xosé Regueira destacou a capacidade de liderado de David nun proxecto supramunicipal como Compostela Rupestre, cando na etapa inicial do proxecto lle tocou a dirección e foi quen de impulsar o seu plan director. Tamén se referiu ás súas calidades humanas e cualificouno non como “gente de bien”, senón como boa persoa, boa xente.
Rubén Lois salientou non só a súa preparación para liderar a tan necesarias ordenación do territorio amesán, senón o seu compromiso ético e compromiso co territorio de David, froito da súa “topofilia”, que o levou a ser un xeógrafo por vocación e por convicción, e que o fan a persoa máis axeitada para liderar un concello como o de Ames.
Tamén dende o público, Marquinhos -que acudiu en calidade de amigo e compañeiro de aventuras musicais no grupo Drinkin Tinto- quixo contribuír a conformar o perfil do candidato, a quen lembrou que o próximo venres ten ensaio, “pero ti podes con todo”.
Equipo
Pola súa parte, David Santomil, que recoñeceu sentirse agradecido e abouxado por todo o que se levaba dito sobre el, quixo comezar a súa intervención reivindicando a importancia de contar cun equipo como o que o acompañou durante estes catro anos e os/as que se suma para traballar a partir do próximo día 28, “un equipo comprometido e preparado para seguir a gobernar e transformar o noso concello. Con honestidade e humildade, mais tamén co firme convencemento de que ampliaremos o apoio da veciñanza nas próximas eleccións do 28 de maio”.
Foi o propio Santomil o que deu paso ás súas compañeiras e compañeiros, aos que pediu que
se sumasen a el no escenario para facer parte da súa intervención sobre os feitos que son aval
para desenvolver todos os grandes retos de futuro que agardan tras as eleccións.
Puxo en valor a solidez e solvencia dunha lista na que repiten nos postos 2 e 3 as concelleiras de Cultura e Comunicación e Lingua e Mocidade, Natividade González e Escarlata Pampín, para poder trasladar a súa experiencia de xestión durante este mandato a todo o goberno a partir do 28 de maio.
Acompáñanos nos números 4 e 5, Alexandre Espinosa e Rosalía Seijas, que desde as súas responsabilidades na organización local do BNG e como traballadora no grupo no concello, respectivamente, foron un piar fundamental e coñecen de primeira man o proxecto dos nacionalistas para Ames.
Completan este primeiro tramo:
6. Carlos García Vieto (O Milladoiro) Politólogo e responsable de Comunicación na Mesa pola Normalización Lingüística. Promotor das RRSS en galego.
7. Eva Blanco (Ortoño). Politóloga. Traballadora no concello de Pontevedra.
8. Félix Paz (Bertamiráns ) Profesor de Matemáticas. Membro do Consello Municipal de Educación de Ames
9. Xesús Casas (Trasmonte) Aporta a veteranía e o compromiso inquebrantable co BNG e co rural de Ames, especialmente do norte ao longo do tempo.
10. Maria Xose Abuín (Milladoiro). Loitadora infatigable pola sanidade pública e coñecida durante anos polo seu activismo no Milladoiro, tanto a nivel veciñal como na ANPA de Ventín.
11. Isa Moares (Milladoiro) traballadora do 112, a Axencia Galega de Emerxencias, e presidenta do comité de empresa.
Historia
Santomil non esqueceu tampouco a importancia do traballo dos que estiveron antes e, facendo un pouco de historia, lembrou que neste ano 2023 fai 20 anos que participou por primeira vez nunha candidatura electoral, na candidatura encabezada por Xosé Manuel Fernández no ano 2003, que puxo fin aos tempos de Astray “e abriu un tempo novo e de esperanza no Ames do século 21".
“Dende aquela pasaron moitas cousas -engadiu- mais unha quedou moi clara, só cando o BNG goberna, cando ten responsabilidades de goberno, Ames avanza, porque somos xente de feitos e de cumprir os nosos compromisos co programa de goberno”.
Feitos
Neste sentido, puxo algúns exemplos dos que máis orgullos se sinten no BNG Ames respecto ao traballo realizado nas concellarías de Educación, Cultura, Mocidade e Lingua:
-O novo colexio no Milladoiro, que está en fase de licitación da execución da obra, grazas ao esforzo por diagnosticar dende o Concello as necesidades educativas, planificar, xestionar os terreos, negociar coa Xunta, lograr a participación da comunidade educativa a través de diferentes Consellos. E isto súmase ás melloras realizadas polo Concello de Ames en todos os centros escolares, cun cariño especial ás dúas escolas unitarias, que salvamos do peche introducindo os programas de conciliación.
-Un novo Centro de Mocidade -agora rebautizado como Multifuncional-, proxectado para a formación e para o lecer, con fondos europeos DUSI, que se suma a outras infraestructuras como a Factoría, con locais de ensaio para grupos noveis ou a proxectos en colaboración coa Real Academia Galega para incentivar o uso do galego nos máis de 3.000 nenos e nenas de infantil e primaria nas escolas e tamén nas actividades extraescolares de conciliación.
-Situamos na vangarda a Escola de Música, para o que adquirimos o local onde está situada, rexistrámola e regularizamos a situación laboral do profesorado. As importantes obras de mellora nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns permitiron acoller a ampla e diversa programación cultural da que podemos desfrutar no nos concello.
David Santomil quixo facer este percorrido para demostrar que a práctica política do BNG en Ames foi a de “dicir e cumprir, porque con iniciativa política e orzamento é posible que as propostas non se queden só niso, en iniciativa, en palabras, senón que se convertan en feitos”, en clara alusión ao proxecto de humanización da Avenida Rosalía de Castro (N550), anunciado polo actual Goberno do Estado, “que vemos como segundo avanza o tempo, non dispón de orzamento nin dunha variante ao desvío do tráfico de vehículos”.
Para o candidato nacionalista, é fundamental estender a práctica política demostrada polo BNG a outras áreas de goberno e salientou, especialmente, “a importancia de dotarnos dunha Axenda Urbana, na que xa estamos a traballar, e que fará de Ames un concello máis sostible e integrador de cara ao ano 2030. Un concello para vivir e traballar, un referente dos concellos sostibles, non en van tivemos a honra de ser os anfitrións da I Tribuna de expertos das Universidades de Santiago e Porto, no Pazo da Peregrina, sobre o modelo de cidades e comunidades sostibles ás que aspiramos” .
Na mesma liña de garantir a sostibilidade, defendeu seguir apostando por un modelo alternativo a SOGAMA para a xestión do lixo; un río Sar limpo; uns montes libres da ameaza eólica e unhas vivendas libres, á súa vez, do risco dos lumes, “para o que deseñamos un programa pioneiro de franxas de protección con especies autóctonas”.
Santomil concluíu asegurando que afrontan con “esperanza e ilusión” todos os grandes retos que fican por diante e, entre eles, se detivo na urxencia de dotarmos dun Centro de Día para a xente maior, “pois se ben é certo que Ames ten avanzado en conciliación, ten sido nunha conciliación por abaixo. “Non pararemos ata conseguilo -dixo-, para o que precisamos máis medios, sobre todo en recursos humanos, en política social”.