David Santomil encabezará a candidatura do BNG de Ames nas eleccións municipais do ano 2023
O BNG de Ames considera que o nivel de coñecemento de David Santomil por parte da cidadanía, o seu talante de diálogo e a súa experiencia no goberno local dende o ano 2015, así como a alta execución do programa de goberno nas súas áreas de xestión, son activos fundamentais para conseguir un apoio maioritario para o BNG nas próximas eleccións municipais.
O BNG mantén que o actual grupo municipal debe ter continuidade, repetindo así os tres primeiros postos da candidatura, co obxectivo de completar os proxectos que está a desenvolver o Concello de Ames e de seguir a garantir a estabilidade política, cun equipo unido.
David Santomil, agredeceu de novo a confianza dos afiliados e afiliadas do BNG e destacou na súa intervención que “é o momento do BNG”, pois están a darse as circunstancias necesarias para “agrupar a esquerda galeguista e nacionalista de Ames” na súa candidatura, que “sae a gañar”.
Santomil comprometeuse a seguir a desenvolver unha “política de feitos e non de promesas”, con “proxectos realistas e que se cumpren”, como os que están actualmente en execución nas concellarías dirixidas polos edís do grupo municipal do BNG, así como a “impulsar unha acción de goberno completa e moderna” que permita transformar o concello en sintonía cos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.
David Santomil é doutor en Xeografía e Ordenación do Territorio pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende o ano 2015 foi concelleiro de Educación, Cultura, Patrimonio e Axenda Urbana, así como primeiro tenente de Alcalde dende o ano 2019.