Aforrar na factura da luz, apostar por outro modelo enerxético

Aforrar na factura da luz, apostar por outro modelo enerxético

O BNG de Ames organiza un acto de presentación de Nosa Enerxía este mércores 21 ás 20:30 h no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. As cooperativas de consumo eléctrico supoñen un aforro na factura e unha aposta polas enerxías renovables.

Ames, 20 de outubro de 2015.- Nos últimos tempos medra entre a cidadanía o descontento e o fastío contra as compañías eléctricas, polos seus timos, dos seus abusos, polas subvencións de que desfrutan, do modelo enerxético que supoñen, das novas tarifas, polas súas enormes ganancias, polas portas xiratorias para responsables políticos... O BNG de Ames propón coñecer de perto unha alternativa: as cooperativas de consumo eléctrico.

En Europa e noutras partes do mundo estas cooperativas fanlles a competencia ás compañías convencionais na produción de enerxías limpas e na comercialización, de xeito que os/as consumidores/as poden contratar tarifas similares e incluso máis baratas que as das compañías convencionais, formar parte das cooperativas e apostaren por outro modelo enerxético

En Galiza xurdiu en 2014 “Nosa Enerxía”, a primeira cooperativa galega que comercializa enerxía eléctrica de orixe renovable certificada a través de GoiEner. A longo prazo tamén ten como obxectivo a promoción de proxectos de xeración de enerxía renovable de maneira distribuída.

O BNG aposta por un modelo enerxético diferente, baseado nas enerxías renovables, que considere a subministración eléctrica un ben público e por iso reclama protección contra a pobreza enerxética; pula por unha tarifa eléctrica galega, que teña en consideración o feito de Galiza ser produtora e exportadora de enerxía para rebaixar o prezo.

Enmarcada nesta aposta, o BNG de Ames quere ofrecer información sobre as alternativas que, entre todas e todos, desde abaixo, poden contribuír a que se cree ese novo modelo enerxético e, de paso, reducir a nosa factura da luz, e por iso o BNG de Ames organiza un acto de presentación de “Nosa Enerxía” este mércores 21 ás 20:30 h no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.