A SUBA APROBOUSE CO VOTO A FAVOR DO PSOE E O PP
O BNG VOTA EN CONTRA DE DUPLICAR O PREZO DAS MERENDAS NAS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS
O pleno do 27 de marzo trouxo para a veciñanza amesá un incremento do prezo das merendas nas escolas infantís municipais do que non foran informadas as ANPAS.
Baixo a escusa falsa de que esta subida era necesaria para acceder á gratuidade das escolas de 0 a 3 anos, o PSOE e o PP aliáronse unha vez máis para tentar enganar á cidadanía e permitirse sacar adiante unha suba de máis do dobre do que pagan as familias actualmente.
O pleno do pasado mes de marzo levaba como punto noveno a modificación da ordenanza número 5 reguladora do prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais do Concello de Ames.
Neste expediente ían a votación dous acordos, cada un cunha motivación absolutamente diferente. Por un lado, a actualización do prezo da atención educativa e o servizo de comedor conforme a variación do IPC motivada polo decreto autonómico 49/2012, de 19 de xaneiro, unha subida necesaria para acceder á bonificación do 100% na cota de asistencia educativa polo que o importe a pagar polos usuarios é de 0 € e no que o BNG está totalmente a favor. E por outro a suba do prezo das merendas nas dúas escolas infantís municipais, unha subida que en absoluto vén determinada por este decreto ( tal e como indica a tesoureira no seu informe que entrega a todos os grupos políticos coa documentación dos temas que se levan a Pleno) senón que é froito únicamente da vontade do goberno do PSOE que sabían que contaban coa complicidade do PP para implantala como así se puxo de manifesto nas intervencións de ambos partidos e na posterior votación. Dende o BNG pensamos que non é o momento adecuado para valorar esta subida no custo das merendas dado que este estudo debería levarse a cabo cando estea vixente a anunciada licitación dos prezos, por iso no pleno propuxemos que este punto concreto da suba das merendas quedase enriba da mesa ata que se poidesen analizar os custos coa licitación, pero o PSOE e o PP votaron en contra, impedindo que os distintos puntos se poidesen analizar e votar por separado e acadando o que dende un principio pretendían que non era outra cousa que subir os prezos das merendas dos nenos e nenas de 0 a 3 anos.
Ao BNG de Ames esta situación preocúpanos especialmente xa que, tal e como manifestou a nosa concelleira, Rosalía Seijas, no pleno: “está claro que estamos ante unha revisión a alza de taxas xeneralizada e dende o BNG consideramos moi significativo que a primeira sexa nos servizos de conciliación e concretamente nas merendas dos máis cativos”.
Con esta subida, queda de manifesto a política que se está a implantar no Concello de Ames por parte do goberno en minoría do PSOE: co BNG o progreso e as políticas sociais, co PP os recortes e a suba de prezos públicos.