O CONFLITO DESTA ESCOLA CHEGA TAMÉN AO PARLAMENTO DA MAN DE TRES DEPUTADAS DO BNG
O BNG de Ames leva ao Concello a petición de apoio ás traballadoras da Escola Infantil Merlín de Bertamiráns

O BNG de Ames presentou unha moción para que todas as concelleiras e concelleiros defendan ás traballadoras. Solicitan tamén que a Xunta de Galiza medie no conflito garantindo a readmisión dunha asalariada despedida e o cumprimento dos dereitos laborais do persoal. Ademais reclaman que o Concello de Ames estableza os contactos necesarios con Política Social para acadar unha solución eficaz e que as familias amesás non vexan os seus servizos educativos minguados
-
A insostible situación que sofren as traballadoras da Escola Infantil Merlín empezou en decembro de 2023 cando comezaron a sufrir atrasos constantes na percepción do seu salario. Un incumprimento reiterado do dereito das traballadoras a recibir as súas retribucións en tempo e forma que se mantivo durante todo o ano 2024. A pesar disto, o persoal continua realizando o seu traballo de xeito exemplar chegando a poñer incluso recursos propios para garantir o funcionamento da escola infantil.
En setembro de 2024 inspección imponlles aos responsables da escola unha sanción "moi grave" debido aos impagos producidos, mais nada cambiou. Na actualidade a situación, pese ao irreprochable proceder das traballadoras, empeorou e o día 30 de xaneiro os responsables da escola infantil efectúan o despido dunha asalariada, que se atopa en situación de incapacidade temporal e redúcenlle a xornada a outra, pasando de facer 38 horas semanais a 25 horas semanais. "Este despido xustifícano cunha baixada de alumnado, pero esta baixada de alumnado xa se produciu no mes de setembro de 2024, polo que consideramos que o despido non é máis que unha represalia cara a nosa compañeira por organizarse sindicalmente e loitar polos seus dereitos", sinala o persoal da escola infantil.

”A calidade do ensino sufriu un importante deterioro debido á desaparición da parella educativa coa que antes contaba a escola. Unha situación que prexudica tamén ao noso concello xa que as familias sofren o empeoramento dos seus servizos educativos” explica Escarlata Pampín, voceira do BNG de Ames.
O conflito da Escola Infantil Merlín foi levada tamén ao Parlamento da man de tres deputadas do BNG: Iria Carreira, Ariadna Fernández e Olalla Rodil “polo que esperamos que co apoio das institucións esta situación xa insostible se solucione canto antes”, indica Escarlata Pampín.