PRESENTOU UNHA MOCIÓN NA QUE INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A LIDERAR UNHA ESTRATEXIA INTEGRAL QUE PERMITA MINIMIZAR OS IMPACTOS DE POSIBLES INUNDACIÓNS E GARANTIR A SEGURIDADE E O BENESTAR DA CIDADANÍA, AO TEMPO QUE SE PROTEXE O ENTORNO NATURAL DO MUNICIPIO.

O BNG de Ames propón un acordo para a implantación de medidas de prevención e resposta fronte ás inundacións no concello

Inundación Ames 8 de xaneiro de 2025
Inundación Ames 8 de xaneiro de 2025
 O pasado 8 de xaneiro, as intensas choivas provocaron asolagamentos en diversas parroquias e núcleos urbanos do municipio, asociados ó desbordamento de ríos e regatos, como o Sar e o Tambre, cun insuficiente mantemento das súas marxes.
O BNG de Ames propón un acordo para a implantación de medidas de prevención e resposta fronte ás inundacións no concello

Os eventos meteorolóxicos extremos son cada vez máis frecuentes debido ao cambio climático. Estes eventos afectan de xeito importante a zonas como Bertamiráns e Milladoiro, onde a urbanización aumentou de xeito considerable a impermeabilización do solo, o que dificulta a evacuación natural da auga, sumado todo isto á falla de limpeza de cunetas e desaugadoiros. As consecuencias son, maioritariamente, danos en vivendas, comercios, infraestruturas públicas e vías de comunicación.

Ademais, os veciños e as veciñas veñen sinalando en repetidas ocasións puntos críticos de acumulación de auga que, aínda sendo coñecidos, carecen de solucións definitivas. Estas situacións amosan a urxencia de mellorar as infraestruturas de drenaxe, reforzar a prevención e establecer un plan de resposta eficaz ante posibles episodios futuros.

“Consideramos que a protección das persoas, os bens materiais e o patrimonio natural require dun enfoque integral que combine sensibilización, planificación e medidas concretas de prevención e xestión; por iso nesta moción tamén instamos á Xunta de Galicia a fomentar o uso de solucións baseadas na natureza, como a creación de zonas verdes inundables e a restauración das beiras dos ríos”, explica a voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín.

Unha iniciativa en positivo dacordo co xeito de entender a forma de facer política do BNG baseada nas propostas e nas ideas para resolver os problemas da veciñanza.

O BNG de Ames propón un acordo para a implantación de medidas de prevención e resposta fronte ás inundacións no concello