O Concello de Ames baixou o IBI; a regularización catastral foi ordenada polo goberno do PP
Estes días anda a chegar ás casas o recibo correspondente ao imposto sobre bens inmobles, o IBI, de 2016, que este ano chega rebaixado, a proposta do goberno de Ames, do que forma parte o BNG. Mais en case 2000 fogares de Ames está chegando tamén o do catastrazo do Ministerio de Facenda, cuxos efectos trata de paliar o goberno amesán dentro das limitadas competencias que teñen os concellos.
En Ames baixa o IBI
O programa electoral do BNG de Ames recollía a necesidade de revisar a política e a xestión tributaria local, atendendo á delicada situación de crise económica pola que atravesan moitas persoas e familias con medidas sociais, e buscando optimizar os recursos públicos con máxima transparencia.
No Pleno de outubro de 2015 aprobouse unha proposta do goberno de Ames de reducir o IBI, non aplicando a taxa do 0,5% a que o Goberno do PP en Madrid obrigou nos anos 2012, 2013, 2014 e 2015 mediante a Lei de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira. O Goberno de Rajoy, ao comezar a gobernar en 2012 e incumprindo o programa electoral, obrigara a todos os concellos a aplicar un recargo do 0,5% no IBI. Desde 2016 non é obrigatorio e o goberno local, do que forma parte o BNG, eliminouno, o que se traduce nunha rebaixa nos recibos do IBI de 2016, que volven a ter o gravame dos anos 2011 e anteriores.
Logo dos catro anos en que o PP non só fixo recortes para superar o déficit creado principalmente para pagar o rescate da banca, senón que tamén aumentou impostos (o IBI, o IVE, subas nos tramos medios do IRPF...) nun momento moi delicado para a maioría social pola crise económica, Ames convértese nun dos poucos concellos da contorna en que o IBI regresou aos valores de 2011 e a carga é do 0,45%. Por exemplo, Santiago de Compostela ou Teo decidiron manter ese recargo do 0,5% imposto polo PP. Cómpre sinalar que Ames ten o gravame do IBI máis baixo da contorna xa que na Baña do 0,60%, en Teo do 0,55%, en Santiago do 0,51%, en Negreira do 0,50%, en Brión é do 0,47% e en Oroso do 0,45%
Por outra banda, xa en 2015 se anunciara por parte da Dirección Xeral do Catastro a regularización retroactiva da que están chegando os recibos. Esa foi outra das razóns que levou ao goberno de Ames a propoñer a baixada do IBI, co obxecto de dar un pequeno alivio para moitos veciños e veciñas mais coa seguridade que a rebaixa non afectaba gravemente ás arcas do Concello debido ao catastrazo. Tal postura contrasta coa mantida con Ames Novo, partidario de manter o recargo do PP, e coa imprudencia de Pacto por Ames, que propoñía baixar o IBI ata o 0,4%, o que podería poñer en apuros o equilibrio do orzamento municipal.
Dende o goberno de Ames presentouse no Pleno de outubro de 2016 unha nova proposta para beneficiar as explotacións agrícolas, gandeiras e forestais cunha bonificación de ata o 95% do IBI, a máxima que posibilita a Lei tributaria sempre que se teñan as contas saneadas, proposta que a FEGAMP trasladou a todos os concellos e que xa aprobaron Brión, Curtis, Frades, etc.
Trátase doutra medida de carácter social e ambiental que acompaña as xa aprobadas en 2015, como o recargo dun 25% para inmobles urbanos de uso residencial desocupados (para potenciar o alugueiro destas vivendas), a bonificación do 90% para familias numerosas con todos os membros en paro e sen prestacións, ou as bonificacións pola instalación de sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar.
Os catastrazos foron ordenados polo goberno do PP
Ademais do recargo do 0,5% no IBI, o PP ordenou un segundo catastrazo, mediante un proceso de regularización catastral de “loita contra a fraude fiscal”.
Porén, os estudos sobre a fraude fiscal non apuntan ao catastro como unha das principais fontes de fraude. Os propios técnicos da Axencia Tributaria criticaron esta medida por “deixar impune o 81,6% da evasión fiscal”: no canto de perseguir a fraude sofisticada de multinacionais e corporacións centra a súa investigación no contribuínte medio, como son as pequenas empresas, os autónomos e traballadores/as, que representan o 56% da débeda descuberta pola inspección.
Ao longo de 2015 e 2016, a Dirección Xeral do Catastro foi activando en Galiza este proceso extraordinario de regularización catastral, que arestora afecta a 186 dos 314 concellos galegos, centrado na revisión de inmobles no rural.
A regularización catastral implica o pagamento dunha taxa de 60€ por cada alta no Catastro e ten como efecto un aumento do valor catastral do inmoble revisado e, polo tanto, un aumento no recibo do IBI que ademais fan retroactivo a catro anos. Trátase dunha medida xeral ideada polo Goberno central e executada desde o Ministerio de Facenda e a Dirección Xeral do Catastro, aínda que logo repercuta economicamente nos concellos.
Conscientes da inxustiza desta medida, que se aplica finalmente desde os concello por obrigación dunha lei aprobada coa maioría absoluta do PP, desde o goberno de Ames acordáronse varias medidas para paliar os efectos desta regularización retroactiva que, finalmente, repercute nas arcas municipais: desde solicitarlle a súa non-retroactividade ao Catastro (coa conseguinte renuncia a estes ingresos non solicitados) ata ofrecer un servizo de asesoramento para presentaren alegacións as persoas afectadas polo que chegaron a pasar 80 veciños a diario. Tamén se lle solicitou á Deputación da Coruña (encargada da xestión dos recibos do Concello) unha secuencia de notificacións que fose menos gravosa. Iníciase agora unha campaña para informar á veciñanza do seu dereito ao fraccionamento e adiamento dos recibos desta regularización catastral. Ademais tamén se acordou que o importe recadado a través da regularización catastral do IBI sexa investido na zona rural mediante un proceso de participación veciñal, cuxo importe formará parte do próximo orzamento municipal”.
Dende o BNG valoramos moi negativamente este regularización, un auténtico catastrazo. Independentemente do feito da obriga dos propietarios/as de daren de alta a totalidade dos seus bens inmobles ou as súas modificacións, son inadmisibles os catastrazos por alteracións relacionadas con obras de rehabilitación ou conservación das vivendas. E as consecuencias van alén de pagar a taxa ou de pagar retroactivamente o IBI porque discriminan especialmente a Galiza e as economías do rural. Galpóns, galiñeiros e outras construcións rústicas que ata agora estaban exentas a partir de agora van computar, o que vai multiplicar a contribución e vai afectar mesmo á hora de solicitar bolsas de estudos para as fillas e fillos.
E xa centrándonos en Ames, ao BNG non lle parece axeitada a comparación do catastrazo co conflito do lixo creado polo anterior goberno municipal do PP, sacada a común retroactividade, por canto o do lixo foi un problema iniciado polo Concello e motivado por falta de xestión anterior do propio Concello, mentres que o catastrazo depende dunha decisión política do Goberno do PP presidido por Rajoy e executada polo Ministro de Facenda Sr. Montoro, que no canto de loitar contra a fraude dos paraísos fiscais, das multinacionais que fan negocio aquí e tributan fóra, do branqueo de diñeiro, escollen subir impostos á maioría social a poñen como intermediarios aos concellos para levar adiante ese traballo.