Presentamos dúas emendas ao Proxecto de Orzamentos do Estado en relación con Ames
Mellorar o tráfico, a seguridade e o benestar da veciñanza do Milladoiro son os obxectivos das dúas emendas presentadas polo BNG.
Ames, 11 de setembro de 2015.- O BNG presentou dúas emendas ao Proxecto de Orzamentos do Estado de 2016 para darlle solución aos problemas de tráfico, seguridade e ruído que padecen os veciños e veciñas do Milladoiro, en particular os da Avenida Rosalía de Castro.
O Milladoiro ten máis de 15.000 habitantes e a estrada N-550 atravesa a localidade aproveitando a avenida principal, Rosalía de Castro, o que divide o núcleo e causa problemas de seguridade e ruído, dado o gran volume de tráfico. Estes problemas da N-550 no Milladoiro son a consecuencia da política urbanística do PP na década dos 90. Durante estas últimas décadas os estudos e as propostas cacarexadas e demagóxicas, como a construción dun túnel por toda Rosalía de Castro, foron unha constante, pero non se chegou a executar ningunha.
Novo enlace coa AP-9
Para o BNG, a alternativa que máis racional, ecolóxica e viable semella na actualidade é facilitar o uso libre de peaxe da autoestrada AP-9 ata sobrepasar O Milladoiro, abrindo un ramal de entrada e saída antes deste núcleo amiense, co cal se alongaría a actual circunvalación compostelá.
Para cando rematen as obras de ampliación da AP-9 no tramo de Santiago, a AP-9 contará con tres e incluso catro carrís nalgún tramo, polo que gozará dunha maior capacidade. A apertura dunha vía de incorporación á autoestrada antes do Milladoiro, para aproveitar un tramo a AP-9 como gran circunvalación, eliminaría boa parte dos actuais problemas de tráfico da localidade e facilitaría a circulación.
Por iso presentou a emenda 3.383 para executar un novo enlace coa AP-9 nos municipios de Ames e Teo, por valor de 2.000 miles de euros.
Ampliación da rotonda das Galanas
Unha medida transitoria, temporal, que debería ser obrigada para o tráfico pesado e recomendada para o tráfico en xeral que non necesite acceder ao Milladoiro, é o desvío do tráfico polo corredor das Galanas, a modo de circunvalación polo oeste da localidade.
Este corredor conta con dous accesos á estrada N-550. Un compárteo coa AG-56 (Santiago-Noia), e outro acceso, á estrada N-550, na rotonda das Galanas, na actualidade causa problemas de xiro para o tráfico pesado.
Precisamente, a segunda emenda presentada polo BNG, a 3.384, ten o obxectivo de ampliar a dita rotonda para evitar eses problemas e así optimizar o uso desta infraestrutura, para o cal solicita un monto de 600 mil euros.
Igualmente isto permitiría mellorar no futuro o acceso ao Polígono do Novo Milladoiro pola parte de atrás, desde o corredor.