NIN O FIRME, NIN AS DIMENSIÓNS DA VÍA SON AXEITADOS PARA O VOLUME DE TRÁFICO PESADO QUE SOPORTA, CREANDO NOVOS PUNTOS NEGROS E FACENDO QUE XURDAN SITUACIÓNS DE PERIGO CONSTANTEMENTE
A deputada do BNG, Iria Carreira levará ao Parlamento a necesidade de mellorar a seguranza na estrada AC-453 de titularidade autonómica
A parlamentaria nacionalista desprazouse ata Piñeiro xunto co grupo municipal do BNG de Ames, o responsable local, e membros da asociación de veciños, onde verificaron que, tras anos de peticións da veciñanza e do propio BNG para que esta estrada cumpra cos criterios de seguranza precisos, a situación de perigosidade non mudou
A estrada AC-453, de titularidade autonómica, serve de unión entre a zona de Carballo e o suroeste galego e dende o 2008, coa inauguración da Autovía AG56 Santiago- Brión, soporta un aumento significativo do tráfico rodado. Máis de 3500 vehículos circulan diariamente por esta vía, sendo a maioría de gran tonelaxe.
Pese a que a veciñanza e o BNG solicitaron en numerosas ocasións o arranxo das deficiencias da vía no que se refire á seguridade dos peóns e tamén dos ciclistas e vehículos que circulan por esta estrada, ata o momento, a Xunta de Galicia non solucionou o problema grave de seguranza que padecen.
Como subliñou Iria Carreira “É competencia da Xunta amañar os problemas graves de seguridade viaria que presenta esta estrada e facer que sexa un tránsito máis seguro para todas as persoas de Piñeiro e tamén doutras parroquias veciñas”.
O tramo con máis circulación está entre Portomouro e Augapesada e supón oito km de tráfico intenso. A estrada non está preparada para tanto volume de tránsito pesado, nin o firme, nin as dimensións da vía son axeitados para esta tonelaxe, creando novos puntos negros e facendo que xurdan situacións de perigo constantemente.
Faltan beirarrúas en varias zonas poboacionais, como Fernande ou Balindo(na parroquia de Piñeiro), é necesario tamén sinalización vertical e horizontal e pasos de peóns en zonas moi transitadas.
“É unha problemática que xa coñecemos, que trasladamos todos os anos ao través das emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza e, en definitiva, o que queremos, e seguiremos esixindo, é que se mellore a seguridade viaria e que o tramo Roxos-Portomouro teña unha beirarrúa en condicións para poder transitar por ela”, afirmou David Santomil.