"O ESTADO DO CONCELLO A 17 DE ABRIL DE 2024 É PEOR QUE O QUE TIÑAMOS O 17 DE ABRIL DE 2023 E TODO APUNTA QUE VOSTEDES VAN DEIXAR UN CONCELLO AÍNDA PEOR NO ANO 2027"
O BNG analiza a situación do Concello no pleno extraordinario celebrado este mércores
David Santomil, voceiro do Grupo municipal do BNG, explicou que "o BNG comezou dende o minuto un deste mandato a facer un traballo de oposición construtiva e a mostrarse como alternativa de goberno municipal dentro de tres anos"
Na súa intervención David preguntábase: ¿Que vai acontecer unha vez que rematen de realizarse os investimentos e as actividades que quedaran aprobadas para o 2023 e o 2024 polo anterior goberno?¿Que vai acontecer no Concello de Ames cando deixen de vivir das rentas da estabilidade do anterior goberno?", recordando que Ames vive nunha situación de incerteza. Cun goberno fleble e sen iniciativa. Limitándose a executar o que xa estaba en marcha.
David puxo de manifesto que "asistimos a unha nova forma de gobernar en Ames. Unha coalición de facto entre un alcade socialista e o Partido Popular".
Esa realidade quedou reflectida en determinados acordos que o BNG denunciou como foi a eliminiación daqueles investimentos que o goberno municipal non consideraba prioritarios, como as obras en Trasmonte ou en Biduído ou a recente suba no prezo das merendas nas escolas infantís municipais. "Mais tamén quedou reflectido nas actas dos Plenos da Corporación, onde o Partido Popular falaba máis dende a óptica de goberno, facendo oposición da oposición. Iso aínda chega aos nosos días, onde en lugar de criticar o traballo do goberno, critica o traballo de oposición do BNG".
"Agora os veciños e veciñas comezan a darse conta de que Blas García é unha persoa dialogante ata que lle levan a contraria, como poden comprobar co proxecto de humanización da N550 ou na comunicación coas ANPAS do Concello que denuncian falta de transparencia" explicou Santomil.
David sinalou tamén que os veciños/as de Ames avalaron a xestión do BNG dándonos un maior apoio en cada proceso electoral (2015, 2019, 2023). "Dende o BNG traballaremos os próximos tres anos para dar estabilidade institucional ao Concello e ser a alternativa de goberno que Ames necesita de novo" afirmou.