DAVID SANTOMIL CONTINUARÁ A DESENVOLVER RESPONSABILIDADES DENTRO DA ORGANIZACIÓN, COMO MEMBRO DO CONSELLO COMARCAL DE COMPOSTELA E DO CONSELLO NACIONAL DO BNG
A Asemblea Local elixe a Escarlata Pampín como nova voceira do BNG de Ames
Da Asemblea local, celebrada o pasado xoves 18 de abril no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, saíu unha nova voceira, Escarlata Pampín, actualmente concelleira en Ames. Escarlata pasou a súa infancia no Milladoiro, trasladouse despois a Bertamiráns e dende o 2020 vive en Ventosa. Ampla coñecedora da realidade amesá ,Escarlata foi durante o mandato pasado concelleira de Mocidade e de Normalización Lingüística.
“Comecei a miña etapa na política municipal no ano 2019 da man dun gran referente, David Santomil. O meu traballo durante eses 4 anos centrouse en continuar e ampliar ás miñas áreas de xestións as políticas e proxectos marca BNG. Políticas derivadas da escoita e do sentir das veciñas e veciños do concello”, recordaba Escarlata.
No ano 2015 o BNG logrou recuperar o seu grupo municipal, ter representación na Corporación e formar parte dun goberno de coalición, no que asumimos responsabilidades no ámbito da Educación, Cultura, Axenda Urbana, Mocidade, Normalización Lingüística e Comunicación, entre outras de carácter xeral do Concello de Ames.
O daquela Portavoz David Santomil, encabezou as difíciles negociacións dun goberno tripartito e o traballo de coordinación cos demais grupos políticos entre o 2015 e o 2023.
“Neste período destacan as negociacións levadas a cabo coa Xunta de Galicia para a ampliación de varios centros escolares e as xestións para lograr os investimentos necesarios para construír un novo colexio no Milladoiro. Así como a xestión dos comedores escolares e os programas de conciliación municipal, que contaron cunha nova web conciliames.gal e a actualización da súa imaxe de marca. Iniciouse tamén a construción da cociña central na antiga nave de obras en Bertamiráns”, subliñou David Santomil.
No ámbito da Cultura, destacan a implantación da web A Billeteira para a reserva de entradas, a creación dos locais de ensaio A Factoría, a adhesión á mancomunidade Compostela Rupestre, o festival internacional de Cinema Infantil e as Noites en Vela. Sen esquecer a declaración da Pontemaceira como Ben de Interese Cultural (BIC) que marcou un fito importante neste período para a protección dun dos principais elementos patrimoniais do concello de Ames e Negreira.
“Como tenente de alcalde afrontei diferentes responsabilidades durante a pandemia da Covid-19 dende o ano 2020 e impulsáronse os plans Impulsa Ames e Ames Progresa. Esta foi a principal folla de ruta de investimentos que tivo o Concello de Ames e que chega aos nosos días materializado en importantes obras no ámbito urbano e no rural”. Sinala Santomil, quen tamén participou no proceso de municipalización do ciclo integral da auga, impulsando a creación da empresa pública Augas de Ames.
Trala reincorporación ao seu traballo na Axencia Galega de Innovación, logo de oito anos en excedencia, Santomil, recupera a súa actividade académica e de investigación. No ano 2023 asume a presidencia do Colexio de Xeógrafos.
No ámbito político,David continuará a desenvolver responsabilidades dentro da organización, como membro do Consello Comarcal de Compostela e do Consello Nacional do BNG.
Cun grupo municipal amplo, estable e con experiencia. Unha nova voceira como é Escarlata Pampín dará continuidade ao traballo feito e mostrarase como alternativa de goberno de cara ao ano 2027.
“Afronto esta etapa como voceira do BNG con moitísima ilusión e coa certeza de que nas eleccións municipais do ano 2027 seremos a alternativa que nos levará ó cambio de goberno no noso concello”. Salienta Escarlata.
Do mesmo xeito, coa nosa presenza no goberno da Deputación da Coruña, a concelleira Natividade González seguirá a pular polos intereses da veciñanza de Ames. A incorporación de Carlos Vieito como concelleiro completará a renovación do grupo municipal, xunto con Rosalía Seijas e Alexandre Espinosa que neste mandato forman parte da Corporación Municipal de Ames por primeira vez. Un equipo unido que estará apoiado por Mónica Casas dende a oficina municipal.
Grazas David por todo o traballo feito!
Seguimos navegando xuntas!