Ana Miranda: “É tempo de ter un escano propio, é tempo de darlle a este país unha voz enteira, permanente, sen dependencias de ningún tipo”
No acto público celebrado onte no Milladoiro e moderado pola voceira do Grupo Municipal do BNG de Ames, Escarlata Pampín, o protagonismo foi para as asociacións que lle plantexaron á candidata do BNG ao Parlamento Europeo as súas necesidades.
Ana Miranda resaltou que: “un dos traballos que nós facemos no Parlamento Europeo é estar na Comisión de Peticións precisamente para denunciar todas as vulneracións que se dan aquí e para estar cos problemas da xente, porque a diferencia é que se o BNG non está en Europa, destes temas non ía falar ninguén”
O acto contou coa presenza de varios representantes de asociacións e de plataformas da comarca que compartiron con Ana Miranda as súas preocupacións, xa que como Ana salientou “unha das características do BNG en Europa foi levar aos colectivos directamente a Bruselas, a que denuncien dereitamente na Comisión e no Parlamento europeo, na Comisión de Peticións.”
Así, Manolo Freire Rodríguez, membro da asociación Pedra do Fuso e de Ames Vivo plantexou a problemática de Altri e a súa oposición a esta macrocelulosa. O pasado 29 de marzo o BNG presentou en Bruselas unha denuncia en forma de pregunta a través da Comisión de Peticións da Eurocámara por incumplimento da normativa europea o que pode ocasionar un expediente de infracción dado que unha pregunta parlamentaria motiva que a Comisión poña en marcha unha investigación. “O BNG quere industria para o país, pero industrias que sexan sostibles, que non sexan contaminantes, que non sexan de enclave, que significa que vai vir, vai explotar e logo vaise marchar e deixar as consecuencias” explicaba Ana Miranda.
Pola súa parte, Pablo Gómez Sande, presidente da Plataforma pola recuperación do río Sar e vinculado a diversas asociacións medioambientais, expuxo que “é unha sorte ter representación no Parlamento Europeo porque as competencias están cedidas ás autonomías, e entón o Estado Español desenténdese e por desgraza a nosa autonomía toma posicións contrarias ao interese xeral dende o punto de vista científico”. Ana Miranda destacou que “cando a xente pensa que denunciar en Bruselas,como nós facemos moitas veces, é un tema alleo, están equivocados porque a normativa europea é de aplicación inmediata, un regulamento é de aplicación inmediata”.
Xosé Cougil Bugallo,membro da asociación de emigrantes retornados e colaborador noutras formación dos ámbitos da discapacidade e dos movementos sociais, demandou o acceso gratuíto á sanidade pública dos galegos e galegas retornados, a homologación directa e automática dos títulos e o recoñecemento inmediato das pensións de invalidez e do certificado de discapacidade emitidos no estranxeiro. Miranda recordou que “hai xa 6 anos que denunciamos xunto con afectados o tema da sanidade, e o tema do recoñecemento das invalideces e dalgunhas doenzas, por exemplo a fibromialxia. Ao igual que o tema das pensións dos emigrantes retornados e conseguiuse un cambio na lei. Tamén a defensa da asistencia sanitaria para os emigrantes en situación irregular que traballan en España”.
Ana miranda salientou que “co BNG a xente da diáspora ten unha porta aberta para trasladar problemáticas, demandas, alternativas e propostas, porque tamén sodes Galiza”.
A xente nova tivo,por suposto, voz no acto, Iria Pérez, estudante de Filoloxía Galega na USC, denunciou aos problemas que sofre a mocidade: como o prezo desorbitado das vivendas de alugueiro, un transporte precario ou a dificultade de contar cun traballo digno. Ana Miranda indicou que “Para nós os Plans de Vivendas son unha prioridade, Plans de Vivenda Social, usar os investimentos de Fondos Europeos para mudar a situación, que as vilas e cidades accedan a fondos europeos que poidan facilitar o arranxo de infraestruturas básicas, a accesibilidade e a movilidade”.
Iria referíuse tamén ao xenocidio do pobo palestino, que contou dende o comezo coa reprobación da eurodeputada, “dende o BNG sempre defenderemos as causas da humanidade, causas coma a do pobo Palestino”, afirmou Ana Miranda.
Ana Miranda rematou dicindo que “Se nós estamos estará tamén o país en Bruselas, Se nós non estamos non haberá ningunha voz galega que nos defenda con esta liberdade e con este traballo que facemos sempre no BNG”