Consideramos un escándalo que Educación non sufrague a totalidade das obras do CEIP Agro do Muiño
O BNG de Ames considera un escándalo que a Consellaría de Educación non sufrague, como lle corresponde, a totalidade das obras do CEIP Agro do Muíño
Aínda que as obras de mellora no patio do Agro do Muíño lle corresponden na súa totalidade á Consellaría, van ser financiadas polo Concello e pola ANPA
A ANPA, desesperada polas reiteradas negativas da Consellaría a acometer unhas obras necesarias no CEIP Agro do Muíño, decidiu soportar unha parte
Ames, 8 de marzo de 2015.- O BNG de Ames considera un escándalo que as obras dun centro de ensino infantil e primario que non son de mantemento (en cuxo caso lle correspondería ao concello asumilas), senón que se destinan a paliar unhas deficiencias do patio, vaian ser sufragadas non só pola Consellaría de Educación, a realmente competente, senón tamén polo Concello de Ames e mesmo a ANPA do centro.
Segundo puido saber o BNG de Ames, perante as negativas reiteradas a acometer esta obra que a propia Consellaría consideraba necesaria (pechar o patio do colexio, pois non se pode utilizar, dada a orientación e altura da cuberta, en caso de chuvia, isto é, a maior parte do curso académico), a ANPA, desesperada, decidiu tomar a iniciativa e encargar un proxecto de reforma. Foi diante da iniciativa da ANPA cando a Consellaría e o Concello reaccionaron, decidindo acometer a obra, duns 50.000 euros, a partes case iguais, cando ao Concello non lle corresponde neste caso poñer nada para a obra.
Desde o BNG coidamos que a Consellaría de Educación demostra un absoluto desprezo, como xa é habitual, polas necesidades das comunidades educativas de Ames; neste caso, pola do CEIP Agro do Muíño, como antes foi pola do CEIP de Ventín (desde o patio cuberto, hai tantos anos), á falta de recursos do IES do Milladoiro ou o despropósito do transporte escolar en Bertamiráns.
De ningún xeito se pode entender que a ANPA teña que verse obrigada a facer un xesto tal (pagar dúas veces parte da obra: unha cos impostos que todas e todos pagamos tamén para isto, e outra, custeando o proxecto da obra, uns 5000 euros, que saen dos seus sacrificios e conseguintes aforros) para que a Consellaría e o Concello lle fagan caso, cando as súas demandas son lexítimas, necesarias e reiteradas dende hai anos.
De ningún xeito se pode entender que o Concello asuma uns 25 mil euros dunha obra que non lle corresponde, aínda que o fixera coa mellor das vontades, cando son tantas as necesidades en Ames que cómpre acometer e que si lle corresponden ao Concello. O papel do goberno do señor Amor tiña que ter sido presionar á Consellaría de Educación do goberno dos seus amigos na Xunta para que iniciasen esa reforma sen dilación e na súa totalidade. E xa de poñerse xenerosos e pagar unha rolda que non nos corresponde, fora mellor que gastase cinco mil máis e non tivese a ANPA que facerse cargo de ningún gasto. Á fin e ao cabo, levan presumindo dous anos consecutivos de superávit nas contas municipais, aínda que, na opinión do BNG, non por boa xestión, senón porque non dan xestionado e os cartos do orzamento quedan sen gastar.
O BNG de Ames pregúntase que pinta o señor Amor e o seu goberno no Concello se non queren formular as necesidades das veciñas e veciños de Ames (patio, centro de saúde, etc.) diante dos seus amigos da Xunta, para non molestalos e non perder o seu apoio nestas circunstancias tan difíciles para el.
Ames, 8 de marzo de 2015