Queda aprobada a lista completa para as eleccións municipais
A lista, de 28 membros, inclúe once independentes, resultado das achegas das asembleas abertas
A candidatura presentarase nun acto público no Milladoiro o vindeiro venres 13, xunto coa intervención do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence
O web somosames.gal, punto de encontro da candidatura coas veciñas e veciños
Ames, 7 de marzo de 2015.- O BNG-Asembleas Abertas de Ames aprobou por unanimidade na súa xuntanza do pasado mércores a candidatura con que se presentará ás eleccións locais do vindeiro 24 de maio e que encabeza David Santomil.
A lista é completa, composta por 21 membros mais suplentes ata completar un total de 28 en estilo cremalleira (alternándose mulleres e homes), con representación xeográfica dos dous núcleos urbanos (O Milladoiro e Bertamiráns), das parroquias e das urbanizacións. Igualmente, buscouse a representación de toda a comunidade de Ames a través da variedade profesional. A lista inclúe once persoas independentes, algo máis dun terzo do total.
A candidatura é resultado das achegas presentadas no decurso das asembleas abertas programadas pola agrupación local, así como do contacto con múltiples asociacións e persoas ao longo dos últimos meses en reunións sectoriais artelladas para coñecer os problemas e inquietudes da cidadanía amesá e recoller propostas que incorporar ao programa. Nestes contactos percibiuse unha actitude de colaboración e entusiasmo, así como o desexo dun cambio de rumbo neste Concello, castigado pola existencia dun goberno incapaz e enleado en conflitos persoais, que desembocaron nun río de dimisións e unha escisión, e tamén pola incapacidade legal da oposición para promover unha alternativa, malia a súa maioría, por mor da Lei Antitransfuguismo.
Acto público de presentación
A candidatura presentarase ás veciñas e veciños o vindeiro venres 13 nun acto aberto ao público que se desenvolverá no Salón de Actos da Casa da Cultura do Milladoiro ás 20:30 h. Nel intervirán os cinco primeiros membros da lista, Alonso Caxade, Isabel Moares, Alberte Souto, Isabel Vaquero e o candidato á alcaldía, David Santomil, así como o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.
somosames.gal
O BNG-Asembleas Abertas de Ames abriu tamén un espazo web, somosames.gal, onde presenta a candidatura e as principais razóns polas que apoiar esta opción de goberno o vindeiro 24 de maio.
Así mesmo, somosames.gal brinda a oportunidade de seguir achegando propostas para mellorar o concello, posibilidade que se acrecentará nas vindeiras semanas, cando se reflictan as ideas e proxectos que foron xurdindo ata agora nese proceso participativo de elaboración do programa a partir das colaboracións de persoas e colectivos sociais de todo tipo do Concello de Ames.
Os avances nos contidos deste web daranse a coñecer, tamén, a través das redes sociais coa etiqueta #somosames, co obxectivo de que calquera persoa ou colectivo poida facernos as súas propias achegas ou expresar as súas opinións.