Amor xa non está lexitimado para seguir como alcalde
Se o PP de Ames considera que non pasa nada... é a mostra definitiva da situación de desgoberno que estamos a sufrir no noso concello
Amor xa non está lexitimado para seguir como alcalde.
A composición da oposición impide presentar unha moción de censura.
A dimisión de dous concelleiros do Partido Popular durante esta semana deixa ao Concello de Ames nunha grave situación, cun desgoberno absoluto e sen alternativas ata as eleccións municipais do 24 de maio. Santiago Amor queda só e debería admitilo. Actualmente tanto o alcalde, como o PP e os seus ex-compañeiros de Pacto por Ames están deslexitimados para ter a confianza dos veciños e veciñas de Ames, por moito que traten de vender normalidade.
Os veciños de Ames lamentan que un concello de 30.000 habitantes teña que padecer a loita de intereses polo poder entre dúas correntes do Partido Popular, representadas por Santiago Amor e Ramón Argibay, especialmente cando hai centos de familias en Ames que están nunha situación crítica a nivel económico e social. Se o goberno considera que non pasa nada en Ames, é a mostra definitiva da situación de desgoberno que estamos a sufrir no noso concello.
David Santomil, candidato á alcaldía de Ames polo BNGAsembleas Abertas, manifestou hoxe mesmo que o conxunto da corporación municipal debe ter coherencia e responsabilidade colectiva neste momento crítico para Ames, polo ben de todos os veciños e veciñas. Así mesmo, recordou que, dada a composición da oposición, formada ademais de polo PSOE, por PactoxAmes (escisión do PP) e por Ames Novo (escisión do BNG), non é posible que poidan presentar unha moción de censura porque o impide a Lei anti-transfuguismo. En caso de podérena presentar, xa o tiñan que ter feito dous anos antes, o que tería evitado o pago das elevadas taxas do lixo no rural, apoiadas e defendidas por PactoxAmes, e tamén tería facilitado a apertura do cemiterio municipal, a municipalización da auga, ou a construción dun novo centro de saúde no Milladoiro, entre outras moitas cousas.
Finalmente, Santomil afirmou que o 24 de maio rematará o pesadelo de catro anos de desgoberno dos dous PP no concello, avanzando que a candidatura que encabeza ofrece as máximas garantías para abrir un novo tempo político en Ames.