O BNG reclama o comezo inmediato das obras de mellora da estrada Roxos-Portomouro
Ames, 30 de novembro de 2012.- O BNG de Ames critica a paralización e desleixo da Xunta de Galiza coa mellora da estrada AC-543 que discorre entre Roxos e Portomouro. Ao tempo, demanda o comezo inmediato das obras de mellora do firme e do trazado ante os perigos que representa para a seguridade vial o penoso estado que presenta na actualidade.
O BNG xa instara en xuño de 2012, a través da súa deputada Ana Pontón, ao Goberno galego para que acometera a mellora integral da estrada AC-453, por constituír unha vía de comunicación importante para vertebrar e integrar os tránsitos entre a comarca de Santiago, A Maía e o Val do Dubra.
A Axencia Galega de Infraestruturas ten paralizada a adxudicación das obras de mellora desde hai máis de dous meses, pois a licitación iniciada a finais de xullo de 2012, debería estar resolta a finais de setembro. De exercer como un Goberno eficaz, a mellora da estrada AC543 xa estaría en marcha. De cumprirse con dilixencia os prazos legais para a adxudicación do contrato de obras, neste momento xa poderían estar executándose as obras e con iso evitar os perigos que presenta para a seguridade vial, polo deterioro no seu estado de conservación e mantemento, que elevan o risco de accidentes, tanto para vehículos como para os peóns.
A información do propio perfil do contratante do citado ente público (http://www.contratosdegalicia.es/resultado.jsp?N=17836) reflicte que a contratación das obras de mellora da estrada AC-543 (referencia procedemento: 17836) están suspendidas a mantenta polo Goberno galego, malia a urxente necesidade de afrontar unha obras que, aínda atopándonos nunha situación na que hai que priorizar escrupulosamente o destino dos fondos públicos, son urxentes e inaprazábeis por seren necesarias para protexer un mínimos estándares de seguridade vial dos cales cal hoxe carece. O elevado risco que presenta de accidentes, agravado polas numerosas travesías polas que discorre, polas inexistentes proteccións e medidas de seguridade vial que hoxe son comúns na maioría das estradas, xustifican a execución inmediata no investimento nesta estrada intercomarcal. Máis aínda cando apenas hai unhas semanas se produciu un grave accidente mortal á altura da parroquia de Barouta.
O BNG de Ames lamenta ademais que o Alcalde do concello, Sr. Amor, non fixera ningunha xestión ante a Xunta para que axilizara o proceso para realizar as obras de mellora da estrada AC543, a pesar de que fixo propaganda ante a veciñanza da licitación da obra.
Non valen, por tanto nestes momentos, máis dilacións ou excusas sobre as obras para mellorar o estado da estrada Roxos-Portomouro, senón que o Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, só ten unha opción, a de dar orde para o seu comezo de xeito inmediato.