O BNG de Ames oponse á subida das taxas das escolas infantís
O BNG de Ames rexistrou no concello un escrito de alegacións contra o Acordo Plenario de 28 de xuño que incrementa os prezos públicos das escolas infantís municipais.
Dito Acordo Plenario foi sometido, consonte a lexislación local, a información pública, e nese trámite o BNG trasladoulle ao concello a súa oposición ao elevado incremento dos prezos públicos que deberán afrontar as familias de Ames que son usuarias do servizo das escolas infantís a partir de setembro de 2012 de prosperar o proposta do goberno municipal.
O BNG de Ames insiste, no seu escrito, que a xustificación coa que se pretende respaldar a proposta de modificación á alza dos prezos públicos das escolas infantís en Ames, fundada na subida experimentada polas escolas infantís da rede da Xunta de Galiza en xaneiro de 2012 é inconsistente, pois a propia Xunta aprobou en marzo de 2012 un novo Decreto que inclúe as escolas infantís na rede de servizos sociais comunitarios, ampliando o prazo para a adaptación dos prezos públicos en dezaoito meses. A este novo prazo xa se acolleron moitos concellos en Galiza, e adiaron a suba das taxas das escolas infantís por mor da crítica situación económica.
Esta subida apresurada das taxas das escolas infantís en Ames demostra que se trata dun decisión política do goberno municipal de Ames, cuxa principal preocupación nestes momentos semella que non é situarse a carón das familias que padecen a crise económica en Ames, senón como incrementar dun xeito arbitrario e inxusto os ingresos das arcas municipais.
O BNG de Ames lamenta que o Goberno municipal, lonxe de ser sensíbel á situación de crise económica e adoptar unha actitude prudente na subida dos prezos públicos dun servizo municipal tan relevante, abrace a doutrina que o propio partido que o sustenta (PP) está a aplicar en todas as administracións, adoptando subidas indiscriminadas de impostos que aínda provocan maior estancamento e recesión económica.
Neste caso, acométese a subida dun prezo público que pode atinxir un incremento porcentual de até o 160 por 100 en determinados tramos, que en todo caso se corresponden con rendas similares á renda media dispoñíbel en Galiza e no Estado español, sen ter en conta que nestes momentos os ingresos da maioría das persoas se manteñen inalterábeis ou mesmo reducidos respecto a exercicios económicos anteriores.
Ademais, tendo en conta a importancia deste servizo, máis relevante se cadra en momentos de crise económica como a actual, desde o BNG de Ames estimamos que é un profundo erro incrementar de súpeto e nunha porcentaxe tan gravosa o prezo público das escolas infantís, cando a alternativa debería consistir nun esforzo para manter o custe destes servizos aos seus usuarios e usuarias, afrontando melloras que rebaixen o gasto municipal en base a unha maior racionalización e eficiencia na administración local.
Por todo iso, o BNG de Ames insta ao concello a que, no vindeiro Pleno, se estuden as alegacións formuladas e se proceda a revogar a suba dos prezos públicos das escolas infantís municipais, mantendo os prezos públicos vixentes dado o novo prazo regulado pola Xunta de Galiza, ou no caso de acometer unha actualización dos prezos públicos, sexa en base a un incremento gradual e progresivo baseado en criterios de equidade tributaria.