O BNG de Ames solicita ao concello compensar a perda da paga extra aos empregados públicos
O BNG de Ames, a través do seu responsábel local Alberte Souto, solicitou ao concello que nun vindeiro Pleno aprobe un acordo que permita manter o poder adquisitivo dos empregados públicos do concello, e rexeite os novos recortes impostos polo Goberno central a este colectivo.
A moción argumenta que a política de recortes emprendida polo Goberno central están a destruír o estado do benestar e provocando un aumento considerábel do número de persoas en risco de pobreza, alén de ser inútiles para a recuperación económica.
Desta volta, aplícase unha nova redución retributiva ás empregadas e aos empregados públicos, que xa se ten ensaiado noutros momentos dentro de actuacións económicas contra a crise, e como resultado deu precisamente o contrario do que se perseguía. Nada indica na práctica que a redución salarial sobre as persoas traballadoras, entre elas as persoas que desenvolven o seu traballo no sector público, sexa unha medida que contribúe á reactivación económica, ao contrario, aínda resta capacidade adquisitiva á unha parte da poboación co que se resente o consumo e a actividade económica.
No caso concreto do concello de Ames, o BNG asegura que a eliminación da paga extra ás empregadas e aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada, que agravará aínda máis a crise ao ter un impacto no consumo do comercio deste concello.
Por iso, o BNG de Ames insta a adoptar un posicionamento político unívoco por parte desta Corporación Municipal en contra desa política, alén de articular as medidas que sexan necesarias para evitar a perda de poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos.
Ademais, o BNG de Ames trasladou esta iniciativa aos representantes do persoal do concello, dándolles a coñecer que naquelas institucións onde ten responsabilidades de goberno está a comezar a negociar as distintas posibilidades para compensar a perda de retribucións que suporá a eliminación da paga extra de Nadal.