Cinco anos de cemiterio municipal... e o que queda!
Cinco anos sen cemiterio municipal e... o que queda!
A aprobación do Regulamento de funcionamento do cemiterio é un avance, pero en modo ningún significa que poida abrirse ao público proximamente.
O BNG de Ames critica o desleixo do goberno municipal, que comezou a preocuparse polo cemiterio recibido en 2010 nos últimos meses, aos case catro anos de mandato, e por mor da presión veciñal.
Ames, 3 de febreiro de 2015.- O BNG de Ames lembra que o 29 de xaneiro pasado fixo cinco anos dende que o Concello de Ames recibiu as obras do cemiterio municipal dos Batáns e que segue sen abrir. A aprobación no pasado Pleno do mes de xaneiro do Regulamento do cemiterio, que recolle as condicións de uso e de concesión de nichos, panteóns e columbarios, non é máis ca un primeiro paso, necesario e importante pero absolutamente insuficiente para poder abrilo.
Cómpre aínda a aprobación dunha ordenanza que regule as tarifas a aplicar pola venda de nichos e panteóns. Cómpre tamén buscar a fórmula de xestión, que segundo adiantou o alcalde, será directa en colaboración con algunha empresa, o que carrexaría un concurso público cos seus preceptivos prazos.
Ademais, segundo consta nas Conclusións remitidas polo valedor do Pobo á familia de Ames que interpuxo unha queixa perante esta institución por mor da falta do cemiterio municipal, para a posta en funcionamento da primeira rúa do camposanto cómpren unhas obras que reparen as deficiencias, que, segundo a valoración económica realizada polo autor do proxecto a pedimento do Concello, supoñerían máis de 210 mil euros, para os cales non existe crédito orzamentario, e en caso de conseguilo, tería que ir a concurso.
Demasiadas tarefas deixada para última hora que van impedir, seguramente, que o cemiterio abra este ano outra vez. O goberno do PP de Santiago Amor amosou estes anos un desleixo absoluto en relación a esta cuestión, e só nos últimos meses do seu mandato comezou a preocuparse polo cemiterio por mor da presión veciñal, e máis concretamente pola presentación dunha queixa perante o valedor do Pobo, quen xa en outubro instou ao alcalde a impulsar as actuacións pertinentes.
Malia que dende o 29 de xaneiro de 2010 o Concello dispón dun cemiterio municipal construído con fondos públicos, aínda está sen abrir ao público porque nestes cinco anos os distintos gobernos do concello de Ames non resolveron a xestión de dito servizo, de maneira que unha custosa infraestrutura municipal está en desuso, desatendendo as demandas de moitos veciños e veciñas de Ames que precisan do servizo de cemiterio municipal.
Este desleixo é ademais unha manifesta ilegalidade, xa que a normativa en materia de réxime local obriga a todos os Concellos sen excepción a prestar, entre outros, o servizo de cemiterio.
O concello de Ames conta con máis de 30.000 habitantes, sen que teña un servizo básico para a súa veciñanza, pois ante a falta do cemiterio público municipal, tampouco existen alternativas na actualidade para moitas persoas, dado que os únicos cemiterios existentes en Ames son católicos, co que, tanto por crenzas como pola propia dimensión dos mesmos, non atenden a demanda que existe en función da poboación actual do concello.