Santiago Amor dános a razón!
Santiago Amor dános a razón:
o cemiterio podía estar xa aberto
A principal escusa de Santiago Amor para non abrir o cemiterio, o preito contra a construtora, desmontada.
O camposanto público podía levar anos aberto.
Ames, 7 de febreiro de 2015.- As declaracións de Santiago Amor a un medio, publicadas o pasado día 5, como resposta non declarada á nota de prensa BNG de Ames, non dan pé a dúbidas e dánnos a razón: Amor señala que habrá en breve fondos para la obra si se pierde el recurso e Amor ha confirmado que el Concello de Ames no esperará al dictamen judicial para retomar las obras.
O PP de Ames, con Santiago Amor á fronte, que cando estaba na oposición acusou o anterior alcalde, o socialista Carlos Fernández, de facer electoralismo adiando adrede a apertura do cemiterio municipal (recibido en xaneiro de 2010) para que coincidirá coas eleccións municipais de maio de 2011, e que prometía que axiña ían abrilo eles, demostra a súa absoluta desvergonza e desleixo sobre os asuntos que de verdade preocupan á cidadanía. Moito máis activo estivo, segundo se desprende das súas propias palabras, para axilizar a apertura das novas instalacións do Aero Club Compostela.
Ata o pasado Pleno de xaneiro, durante case catro anos non fixo absolutamente ningún trámite, escusándose no preito que o Concello mantén contra a construtora por mor de deficiencias nas obras do camposanto. Porén, tal o atraso na resolución do preito non era razón abonda, porque como el mesmo recoñece nestas declaracións, as obras de reparación das deficiencias así como o adecentamento desta instalación municipal, moi danada nestes cinco anos de abandono, que supoñen máis de 200 mil euros, podían terse acometido con orzamento do Concello e, se logo se gañaba o preito, contar con ese ingreso.
O BNG de Ames reitera que o goberno municipal do PP só comezou a preocuparse polo cemiterio nos últimos meses, aos case catro anos de mandato, por mor da presión veciñal e pola acción do valedor do Pobo, perante quen unha familia de Ames afectada pola falta de cemiterio público interpuxo unha queixa.
Por moito que corra agora o alcalde, diante da proximidade das eleccións municipais e da presión do valedor do Pobo e da veciñanza, o cemiterio non vai abrir mañá, precisamente. Ademais do regulamento aprobado no pasado Pleno de xaneiro, cómpre unha ordenanza de prezos, buscar a fórmula de xestión e contratar as obras de reparación. Estes dous últimos pasos requiren senllos concursos públicos cos seus preceptivos prazos. Unha vez estean resoltos, aínda teñen que dar comezo as obras.