David Santomil iniciará contactos con empresarios e transportistas sobre o túnel do Milladoiro
O alongamento da AP-9 como circunvalación libre de peaxe, a mellor solución para o tráfico no Milladoiro
A proposta dun túnel en Rosalía de Castro, un disparate inviable.
O desvío do tráfico pesado polas Galanas, unha medida axeitada pero temporal, pois non soluciona o problema de fondo.
Ames, 12 de febreiro de 2015.- O BNG de Ames considera que a proposta dun túnel todo ao longo da avenida de Rosalía de Castro no Milladoiro feita por Pacto x Ames é unha proposta pouco realista actualmente, un disparate non viable nin técnica nin economicamente a día de hoxe, e que responde a propósitos electoralistas.
A alternativa que máis racional, ecolóxica e viable semella na actualidade é facilitar o uso libre de peaxe da autoestrada AP-9 ata sobrepasar O Milladoiro, abrindo un ramal de entrada e saída antes deste núcleo amiense, co cal se alongaría a actual circunvalación compostelá.
Precisamente van dar comezo as obras de ampliación da AP-9 no tramo de Santiago, que xa está adxudicada e cuxa execución levará 30 meses. Para cando as obras terminen, ao seu paso por Santiago a AP-9 contará con tres e incluso catro carrís, nalgún tramo, polo que gozará dunha maior capacidade. A apertura dunha vía de incorporación á autoestrada antes do Milladoiro, para aproveitar un tramo a AP-9 como gran circunvalación, eliminaría boa parte dos actuais problemas de tráfico da localidade e facilitaría a circulación.
Consideramos que a medida acordada polo alcalde Santiago Amor con Fomento, o desvío do tráfico polo corredor das Galanas, é unha medida axeitada pero que debería ser transitoria, temporal, que debería ser obrigada para o tráfico pesado e recomendada para o tráfico en xeral que non necesite acceder ao Milladoiro ou ao Polígono do Novo Milladoiro. E se a rotonda das Galanas causa problemas de xiro para o tráfico pesado, a solución máis factible é a reforma desa rotonda, non o túnel.
Con todo, o candidato do BNG á alcaldía de Ames, David Santomil, iniciará contactos coas asociacións de empresarios/as e transportistas da localidade para coñecer a súa opinión sobre esta proposta.
Non podemos esquecer que O Milladoiro ten máis de 15.000 habitantes e que a estrada N-550 atravesa a localidade aproveitando a avenida principal, Rosalía de Castro, o que divide o núcleo e causa problemas de seguridade e ruído, dado o gran volume de tráfico. Estes problemas da N-550 no Milladoiro son a consecuencia da política urbanística do PP na década dos 90.