As demandas para a solución das carencias dos centros educativos de Ames chegan ao Parlamento da man do BNG
A deputada nacionalista Iria Carreira, presentará unha iniciativa na que trasladará a problemática conxunta de todos os centros de ensino do concello: incremento de profesionais e garantía dos cocientes máximos estipulados pola Xunta de Galicia
Cando xa pasou máis dun mes dende o comezo das clases, os centros educativos de Ames seguen a ter os mesmos problemas que ao comezo, pese ás reiteradas mobilizacións e reclamacións tanto por parte das ANPAS, como do alumnado e os equipos directivos. Ante esta situación, o BNG de Ames concertou unha xuntanza no Parlamento Galego para que a comunidade educativa manifestase as súas demandas. As mesmas peticións reclamadas na moción que o BNG de Ames presentou no pleno de setembro e que saíu adiante, pese á abstención do PP, cos votos favorables do PSOE, BNG e Espazo Común.
“Os profesores non dan abasto porque lles quitaron horas lectivas, pero non puxeron máis profesores de apoio”, explica Margarita Murillo, da ANPA de Ventín.
Esta situación agravarase en xaneiro debido a que entra alumnado doutros países que precisan dunha maior atención tanto polas dificultades co idioma como porque non chegan totalmente escolarizados. Son nenas e nenos que veñen ademais con situacións moi complicadas e necesitan dun apoio xa non só educativo, senón tamén emocional para o que se necesita máis persoal.
“O prexuízo é para todo o alumnado , os profesores están saturados,as aulas masificadas e é imposible atender a todo o alumnado, ás diversas necesidades de cada un”, recalca Javier Cacheiro. Hai que recordar que O CEP Plurilingüe de Ventín é un dos maiores centros de Educación Primaria de Galicia, con máis de 600 alumnos a efectos de cocientes, un colexio saturado que precisa con urxencia de máis profesorado.
Na mesma liña se manifestaba Ana María Ferrín da ANPA do IES Plurilingüe de Ames “Dende a Xunta están esperando que baixe o alumnado para cumprir os cocientes, e iso está pasando noutros puntos do país, pero non en Ames onde as matrículas seguen crecendo, temos agora 851 alumnos e continuamos recibindo matrículas”.
Piden que se igualen os cocientes dos diversos centros de secundaria, sobre todo en primeiro da ESO, “cando chegue a redución de ratios ao noso centro tampouco se van poder cumprir porque xa estamos masificados", recalca Ana María Ferrín.
Por iso dende o BNG seguiremos reclamando, ao igual que toda a comunidade educativa de Ames, que se poña solución a estas carencias.