BNG exixe que, de forma inmediata, no mínimo o tramo da AP-9 entre Padrón e Santiago quede libre de peaxes
Néstor Rego: “A única forma de ter unha alternativa adecuada e viábel para garantir a circulación entre Santiago e Padrón en ambos sentidos é esta”
As obras de humanización da N-550 ao seu paso polo núcleo do Milladoiro suporán un grave prexuízo para a circulación de vehículos até, como mínimo, finais de 2025
A organización nacionalista rexistra iniciativas nas Cortes do Estado, así como nos concellos afectados polas obras, para que o Ministerio libere de peaxes a AP-9
O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado a liberalización de peaxes da AP-9 no tramo entre Santiago de Compostela e Padrón ante as obras de humanización que se están a levar a cabo na N-550 no núcleo do Milladoiro, termo municipal de Ames. O deputado do BNG, Néstor Rego, sinala que esta é a única alternativa adecuada e viábel que garante a circulación efectiva dos vehículos que habitualmente empregaba a N-550 en ambos sentidos.
Acompañando ao deputado do BNG nas Cortes do Estado estivo a deputada no Parlamento de Galiza, Iria Carreira, e os portavoces do BNG nalgúns dos concellos afectados polas obras de humanización do Milladoiro: Escarlata Pampín, de Ames; Eloi Devesa, de Teo; Bea Rei, de Padrón; Pichi Blanco, de Negreira e Begoña Ares, de Rois. Ademais, tamén estiveron os concelleiros do BNG en Ames, Rosalía Seijas e Carlos Vieito.
A situación puntual que exixe que, como mínimo, o tramo da AP-9 entre Santiago e Padrón quede libre de peaxes. “Estamos a falar que as obras de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro reducirá os carrís de circulación a un en cada sentido de marcha e que durarán até, como mínimo, finais de 2025” sinalou o deputado Néstor Rego.
“A única alternativa real que existe para o tránsito tan intenso que hai nesta N-550 de vehículos lixeiros mais tamén de pesados como camións é a Autoestrada do Atlántico” afirma o deputado nacionalista. O BNG, neste sentido, avanzou o rexistro de iniciativas no Congreso así como nos diferentes concellos afectados polas obras e “seguiremos traballando para que o antes posíbel se libere de peaxes esta autoestrada”.
Por unha AP-9 galega e libre de peaxes
“O BNG leva moito tempo reclamando unha AP-9 galega e libre de peaxes. A gratuidade da Autoestrada do Atlántico porque, ademais, hai un procedemento de infracción da Unión Europea que indica que a prórroga -feita por un goberno do Partido Popular, de Aznar- foi ilegal polo que é o momento de que a AP-9 se converta nunha autoestrada libre de peaxes” comezou o deputado do BNG. O resto, indica, castigar os galegos e galegas “que temos que continuar pagando” e “agravar os custos de produción das empresas galegas”.