Imprimir

Entrevista a David Santomil

bngames | 19 de Outubro de 2018

boletin BNG Ames Abril/Maio 2018
boletin BNG Ames Abril/Maio 2018

(Entrevista publicada no Boletín do BNG de Ames distribuido entre Abril e Maio de 2018)

 

Pregunta: Case tres anos dende que se conformou o goberno tripartito do que forma parte o BNG. Como voceiro do grupo municipal do BNG, que balance fas?

David Santomil: Dende o primeiro momento manifestamos a vontade do BNG de Ames para artellar un goberno alternativo ao PP. Neste senso, facilitamos o nomeamento dun novo alcalde e posteriormente chegamos a un acordo de goberno que considero exemplar, na procura da estabilidade necesaria para desenvolver proxectos fundamentais para o Concello e sacalo da parálise en que o deixara o anterior goberno.

Case tres anos despois, fago un balance moi positivo. Temos un goberno municipal máis democrático e transparente. Un tripartito ademais en minoría obriga a dialogar e a negociar entre nós, cos demais grupos municipais e coa veciñanza. Sentímonos partícipes en canto compartimos un programa de goberno único, no que cada concelleiro/a intenta dar o mellor de si na súa área de xestión correspondente. E quixera destacar a capacidade de traballo en equipo e de consenso.

 

P: Cales son os principais logros deste goberno tripartito?

David Santomil: As melloras nos ámbitos de educación, cultura e normalización lingüística, que xestiona o BNG, son evidentes, como veremos ao longo do boletín.

Nos orzamentos municipais reflíctese unha clara aposta polas políticas sociais: renda básica, vivenda social, xantar na casa, axuda no fogar, obradoiros de emprego... Tamén reforzamos a transparencia, a participación, o diálogo e a negociación; a necesaria actualización da RPT, logo de 14 anos, e a incorporación do persoal dos comedores escolares ou da Escola de Música.  

Outros aspectos importantes son os investimentos de 300 mil euros en accesibilidade e de máis de 1 millón de euros no rural (obras, abastecemento, saneamento), así como as melloras en equipamentos deportivos. Proxectos parados dende hai anos, como o cemiterio municipal, a reversión da parcela do parque de bombeiros e a construción dun novo centro de saúde no Milladoiro serán realidade grazas ás xestións realizadas por este goberno municipal. 

No ámbito económico destacaría a rebaixa do IBI, sacar adiante mediante negociacións coa oposición os orzamentos de 2017 e 2018, eliminar o plan de axuste do PP ao liquidar a débeda; ou rebaixar o período medio de pagamento a provedores.

Finalmente, na planificación a medio prazo, o proxecto de integración urbana "Impulsa Ames", a través dos fondos europeos DUSI, dotado con 5 millóns de euros, dará zonas verdes ao Milladoiro, melloras no transporte público interno, na administración electrónica ou novos equipamentos que permitan dinamizar e achegar os núcleos urbanos de Milladoiro e Bertamiráns. 

 

P: Como se consegue sacar adiante tantos proxectos tratándose dun goberno formado por tres forzas distintas e que está en minoría?

David Santomil: Primeiro, negociando ben ao principio que se vai facer (un proxecto: o programa) e como chegar a acordos. Segundo, con confianza, diálogo e transparencia entre nós e cos demais grupos municipais, aínda que evidentemente non é posible chegar sempre a acordos con todos eles, dadas as importantes diferenzas que nos separan nalgúns temas. E terceiro, poñendo o interese común, o das veciñas e veciños de Ames, por riba de intereses partidistas ou persoais. Existe unha "competencia sa", que permite mellorar moito as cousas en relación a etapas anteriores. Ames é un exemplo do que deberiamos facer politicamente dende a esquerda en Galiza e no Estado. 

 

P: Que achega o BNG ao goberno de Ames?

David Santomil: O BNG de Ames somos unha garantía de estabilidade política e lealdade como socios de goberno. Así o demostramos no período 2003-2007 e agora no goberno tripartito. Coñecemos ben o funcionamento interno do Concello de Ames e temos iniciativa como proxecto político.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/entrevistas/entrevista-david-santomil-boletin-bng-ames/20181019231851001194.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Ames

Bloque Nacionalista Galego | AMES

ames@bng.gal

661 524 223