Pacto de goberno en Ames entre PSdeG, Contigo Pódese e BNG

Pacto de goberno en Ames entre PSdeG, Contigo Pódese e BNG

Ames, 11 de xullo de 2015.- Os grupos políticos do PSdeG-PSOE, Contigo Pódese e BNG chegamos, logo dun mes de intensas negociacións, a un acordo de goberno no Concello de Ames para o mandato 2015-2019. O feito de resultar un goberno en minoría (9 concelleiras/os de 21) vai obrigar a unha maior apertura ao diálogo e ao entendemento cos grupos da oposición, que tamén así deberán demostrar a súa responsabilidade cara ás veciñas e veciños de Ames.

O acordo de goberno inclúe non só a estrutura das diferentes áreas do goberno municipal senón tamén o estilo de funcionamento do equipo e o programa de actuacións.

Segundo este acordo, o goberno será único, xa que todas as decisións serán tomadas sempre por consenso, pero non presidencialista, e busca a eficacia, de tal xeito que unha vez adoptados os acordos polo equipo cada concelleira ou concelleiro dispoñerá, grazas á delegación de competencias e de sinatura, de autonomía tanto organizativa como económica, dentro dos límites legais e con todos os controis administrativos, para executalas, o que redundará nunha meirande eficacia da administración municipal.

O programa de actuacións, amplamente debatido polas tres forzas políticas, artéllase en cinco grandes áreas: un goberno municipal transparente, aberto e participativo; un goberno comprometido co emprego e co desenvolvemento económico de Ames; que Ames sexa un concello para vivir apoiando o desenvolvemento territorial sustentable; un goberno comprometido coa igualdade e as políticas sociais por unha saída social á crise; e un goberno comprometido coa lingua e a cultura galega.

As áreas de goberno e os seus responsables son as seguintes:

• José Miñones (PSOE): Alcaldía e áreas de Seguridade, Emerxencias, Persoal, Reforma Administrativa e Deportes, con dedicación exclusiva

• Blas García (PSOE): Concellaría de Urbanismo, Obras Públicas, e Servizos Básicos, con dedicación exclusiva

• Luísa Feijóo (PSOE): Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, con dedicación parcial

• Isabel González (PSOE): Participación e Atención Veciñal, Promoción Económica, e Voluntariado, con dedicación parcial

• Genma Otero (Contigo Pódese): Economía e Facenda, con dedicación exclusiva

• Catuxa García (Contigo Pódese): Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, con dedicación parcial

• Silvia Dapena (Contigo Pódese): Mocidade e Transparencia

• David Santomil (BNG): Educación e Cultura, con dedicación exclusiva

• Isabel Vaquero (BNG): Normalización Lingüística e Comunicación

Por outra banda, a primeira tenente de alcalde é Genma Otero; a segunda tenencia de alcaldía correspóndenlle a David Santomil; o terceiro tenente de alcalde é Blas García; a cuarta tenencia de alcaldía é para Silvia Dapena; a quinta tenente de alcalde é Isabel Vaquero; e a sexta tenencia de alcaldía é para Luísa Feijóo.

Por último, a Xunta de Goberno Local estará composta polo alcalde, José Miñones, Genma Otero, David Santomil, José Blas, Silvia Dapena, Isabel Vaquero e Luísa Feijóo.

Goberno de Ames