Concello de Ames: sobra desgoberno, faltan alternativas

Concello de Ames: sobra desgoberno, faltan alternativas

amesO Pleno do Concello do pasado día 5 de decembro evidenciou de xeito esperpéntico, máis ca ningún outro, a situación real que está a padecer Ames: desgoberno e falta de alternativas. Alén de diferenzas políticas, o goberno en minoría do PP é incapaz tanto de levar adiante a xestión en servizos elementais, que pode traer graves consecuencias para a veciñanza, como de ofrecer unha xestión en xeral de calidade.

O PP está incapacitado para gobernar en Ames, e a oposición non pode presentar unha moción de censura que desbloquee o Concello

Independentemente das calidades persoais, é complicado gobernar un concello de máis de 30 mil habitantes con só cinco concelleiros, e iso acaba tendo consecuencias transcendentes na xestión diaria, como ben sabe a cidadanía amesá, que ve cómo día a día as instalacións municipais esmorecen (como o cemiterio municipal), cómo os investimentos non se executan (subvencións a asociacións, por exemplo) cómo os servizos se deterioran (por exemplo, os deportivos), cómo non se coidan as infraestruturas (beirarrúas, parques...).

Pero, ademais, nestes días vemos que a minoría que goberna Ames pode levar ao concello a unha grave situación, aos seren incapaces de deseñar o futuro do servizo municipal de augas, co que se vai xestionar durante meses nunha situación precaria, sen contrato, un servizo básico para a cidadanía. A incapacidade xa carrexa un funcionamento distorsionado de servizos básicos, con consecuencias directas para o concello e o conxunto dos amesáns e amesás. Por outra banda, o goberno de Amor ofrece unha nula capacidade de diálogo, o cal estando en minoría (cómpre lembrar: só 5 concelleiros de 21), equivale a ser incapaz de superar o bloqueo político por parte da oposición institucional actual.

O BNG de Ames propón o adianto de eleccións municipais para salvar a actual situación.

Porén, non se albisca alternativa. As demandas de dimisión do alcalde, a reprobación de concelleiras, os intentos de bloqueo político... non teñen máis forza que o simple patexo nin máis razón que a propaganda. O certo é que non se pode artellar ningunha opción de goberno que supere esta situación, debido a que a oposición institucional actual (agás os edís do PSOE) está formada por concelleiros/as tránsfugas do PP e do BNG (agora preséntanse como “Pacto por Ames” e “Ames Novo”). A Lei electoral loita contra o transfuguismo reforzando a maioría necesaria para sacar adiante unha moción de censura, pois require un voto máis por cada tránsfuga, de maneira que o seu voto non sexa decisivo. Daquela, formular unha alternativa fronte a un goberno en minoría é legalmente imposible en Ames.

Xa que logo, nin o PP de Amor está capacitado para gobernar nin a oposición institucional actualpode presentar unha moción de censura para desaloxalo do Concello e formular un goberno alternativo. Con este panorama, para o BNG de Ames a única posibilidade viable para que o concello goce dun goberno solvente son unhas elección municipais adiantadas que referenden e actualicen a vontade da cidadanía amesá fronte a unha corporación ilexítima.