Transparencia, información e defensa dos postos de traballo, eixes do BNG de Ames no pleno extraordinario sobre o modelo de xestión da recollida do lixo e a situación da Mancomunidade Serra do Barbanza.
Santomil fixo fincapé no feito de que o BNG foi sempre o defensor da entrada do Concello de Ames na Mancomunidade Serra do Barbanza e que a día de hoxe manteñen inalterábel a súa postura. Sinalou que o propósito da solicitude do pleno extraordinario viña dado pola falla de información por parte do goberno municipal e a incerteza que esta falta de transparencia xera na veciñanza e nos traballadores da planta, unha comunicación que non chegaría de forma directa aos residentes se se tivera producido por medio dunha Comisión Informativa, xa que non é pública. Reclaman aclarar como afectaría o ingreso de Ames como membro de pleno dereito na Mancomunidade Serra do Barbanza na situación contable do Concello e nos recibos dos usuarios/as. Santomil reivindica que “Ames debe ter un carácter proactivo na constitución da nova Mancomunidade e levar a iniciativa para adaptar o modelo ás novas normativas”.
O contrato coa Mancomunidade Serra do Barbanza firmado durante o bipartito do PSOE e o BNG iniciouse o 1 de xaneiro de 2006. A planta de reciclaxe de Lousame, que comezou a funcionar en setembro do ano 2003, naceu baixo a tutela da Mancomunidade Serra de Barbanza, que adxudicou a xestión desde o su inicio á empresa Fomento de Construcciones y Contratas (FCC). Nesta planta (ao igual que a coruñesa de Nostián) apostouse dende o inicio por un modelo de compostaxe e recuperación.
Tanto é así que esta instalación medioambiental chegou a ser por estatística a planta de tratamento de basura que máis recuperou para reciclar de toda España.
Sen embargo, a día de hoxe a Mancomunidade Serra do Barbanza carece dun plan que garanta a viabilidade da planta de Servia en Lousame e o futuro dos empregos máis alá da finalización do contrato en 2023 coa actual xestora, FCC.
A necesidade dunha directiva forte que defenda os intereses dos traballadores foi outro dos puntos que recalcou o voceiro do BNG na súa intervención xa que a situación de prórroga do contrato de dous anos, ampliable a un ano máis, da concesión da planta de tratamento de Servia á empresa Fomento de Construcciones y Contratas (FCC), concesionaria dende hai dúas décadas, preocupa aos traballadores e traballadoras da planta e as súa familias, pola negativa de FCC a seguir prestando o servizo nas actuais condicións laborais e ambientais.