DESAPARECE A ENTIDADE PROPIA DA CONCELLARÍA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O BNG advirte dos problemas na xestión diaria no Concello de Ames en minoría

Concelleiras e concelleiros do BNG de Ames 2023-2027
Concelleiras e concelleiros do BNG de Ames 2023-2027

Prodúcese unha acumulación de competencias na Alcaldía.

A perda de peso político da concellaría de Educación confirma que as prioridades do goberno municipal do PSOE van ser outras.

O BNG advirte dos problemas na xestión diaria no Concello de Ames en minoría

A conformación do novo goberno municipal de Ames e a delegación de competencias nos seus oito concelleiros/as evidencian as debilidades dun executivo en minoría.

Unha das principais novidades é a desaparición da Concellaría de Normalización Lingüística, que durante os dous mandatos anteriores tivera entidade propia, xunto coa de Comunicación e Mocidade respectivamente. Agora, as competencias nesta materia pasan a depender directamente da Alcaldía, perdendo a súa condición de concellaría delegada. Esta é unha decisión que lamentamos, mais non sorprende, tendo en conta que os socialistas de Ames xa non facían referencia algunha ás políticas de normalización lingüística no seu programa electoral.

Esta realidade coincide coa acumulación de competencias na figura do Alcalde, que agrupa ata sete departamentos que anteriormente xestionaban os concelleiros/as do BNG de Ames: Cultura, bibliotecas, festas, comunicación, informática, axenda urbana e normalización lingüística.

En terceiro lugar, lamentamos a perda de peso político da concellaría de Educación. Esta vai ser xestionada pola concelleira que entrou en último lugar no executivo en minoría e que non estará presente na Xunta de Goberno Local, cando antes dependía do tenente de alcalde.

É por isto, que auguramos serios problemas na xestión municipal do Concello de Ames nos próximos catro anos.

Ames conta na actualidade con máis de 32.000 habitantes e cun volume de traballo e de persoal municipal elevados, que requiren da máxima atención e dispoñibilidade na xestión diaria.

Este vai ser o goberno local de Ames con menos concelleiros/as da democracia e con menos capacidade executiva, onde todo xirará ao redor das decisións do Alcalde, como nos vellos tempos.

O BNG advirte dos problemas na xestión diaria no Concello de Ames en minoría