OS NACIONALISTAS ADVIRTEN QUE ESTE NOVO REGULAMENTO SUPÓN UN RECORTE NOS DEREITOS DAS FAMILIAS E NA CALIDADE DOS SERVIZOS

O BNG denuncia o recorte nos servizos de comedor e actividades extraescolares no Concello de Ames

comedor
comedor
Aprobada por unanimidade a moción do BNG que reclama unha xestión integral e preventiva fronte ás inundacións en Ames
O BNG denuncia o recorte nos servizos de comedor e actividades extraescolares no Concello de Ames

O concelleiro do Bloque Nacionalista Galego, Carlos Vieito, manifestou na última sesión plenaria do Concello de Ames a oposición dos nacionalistas ao novo regulamento dos servizos municipais de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas, aprobado polo goberno en minoría do PSOE co apoio do Partido Popular. Este novo regulamento “supón un claro recorte nos dereitos e na calidade dos servizos ofrecidos ás familias e ao alumnado de Ames” salientou.


Carlos Vieito destacou que o regulamento anterior, aprobado por unanimidade e consensuado coa comunidade educativa, funcionaba de maneira satisfactoria e era un exemplo de servizo público de calidade. “Pasamos a pagar máis por menos servizos”, denunciou Vieitou en referencia a unha das nais das ANPAS amesáns. Esta afirmación resume o sentimento de descontento que existe entre as familias amesás, que ven como se reduce a calidade dun servizo que era unha referencia en materia de conciliación familiar.


Carlos Vieito mostrou a súa sorpresa pola alianza entre o PSOE e o PP para aprobar este regulamento, algo que considerou “incomprensible” nun concello onde tres forzas políticas se denominan de esquerda.
“Isto faime pensar se o PP de Ames se está volvendo socialista ou o PSOE de Ames se está tornando de dereitas”, afirmou Vieito, quen criticou duramente a falta de sensibilidade do goberno en minoría cara ás necesidades das familias e do persoal que traballa nestes servizos.


Aprobada por unanimidade a moción do BNG para unha xestión integral e preventiva fronte ás inundacións en Ames
A concelleira e voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín, destacou a necesidade de implementar medidas urgentes e eficaces para a prevención de inundacións no Concello de Ames. Durante a súa intervención, Pampín subliñou a importancia de avanzar cara a unha xestión máis sostible e respectuosa cos ecosistemas fluviais.
A proposta do BNG aprobada pasa por campañas de sensibilización e formación cidadá. Desenvolvemento de campaña informativas dirixidas á poboación amesá para aumentar a concienciación sobre o risco de inundacións e as medidas de autoprotección.


Escarlata Pampín recordou que os danos por inundacións están a aumentar en Galiza, incluso fronte a precipitacións equivalentes ou menores ás de décadas anteriores. Este incremento débese, en gran medida, á ocupación de zonas inundables por vivendas, infraestruturas e equipamentos, así como á impermeabilización do solo e á construción de infraestruturas que desorganizan a drenaxe natural.


“Non podemos seguir ocupando os espazos dos ríos e esperar que non haxa consecuencias”, afirmou Pampín. “As zonas inundables son parte do río, e debemos respectalas se queremos reducir os danos causados polas inundacións”.

O BNG denuncia o recorte nos servizos de comedor e actividades extraescolares no Concello de Ames