Por nós, a dereita non vai gobernar o Concello

Por nós, a dereita non vai gobernar o Concello

Ames, 27 de maio de 2015.- O BNG-Asembleas Abertas de Ames valora positivamente a caída do PP e garante que, dentro da súa marxe de acción, a dereita non vai gobernar. O BNG-Asembleas Abertas, nunha valoración de urxencia, entende como positivos os resultados das eleccións municipais de Ames, en canto que indican as ansias de cambio da cidadanía, aseguran a imposibilidade de que goberne a dereita e poden permitir, coa xenerosidade de todos os demais grupos, un goberno que actúe como alternativa aos recortes, ás políticas anti-sociais e á parálise máis absoluta a que o PP (1 e 2) someteu a Ames durante estes catro anos.

Tamén valora positivamente a obtención de dúas actas de concelleiro/a para o BNG-Asembleas Abertas, logo da escisión sufrida hai tres anos, a perda dos catro representantes municipais en que derivou e a conseguinte menor marxe de manobra (falta de información, iniciativa e presenza institucional), e tendo en conta a abundancia de alternativas presentadas no Concello nestas eleccións.

O BNG-Asembleas Abertas quere agradecer o apoio dos máis de 1400 veciños e veciñas da localidade, aos que lles asegura que traballará, desde a posición que lle corresponda no consistorio, por levar adiante o programa electoral con que concorreu, ao servizo da totalidade da veciñanza amesá.

Á espera das decisións que se adopten na asemblea local aberta que terá lugar o mércores 3 de xuño, o BNG-Asembleas Abertas amosa a súa disposición a reunirse con todos os grupos municipais que sexan necesarios para garantir a gobernabilidade de Ames sempre que o novo goberno se comprometa a executar un programa alternativo, ao servizo das persoas.