O BNG reclama á Xunta os equipamentos educativos pendentes para o Milladoiro

O BNG reclama á Xunta os equipamentos educativos pendentes para o Milladoiro

Ames, 1 de febreiro de 2013.- A deputada do BNG Ana Pontón vén de rexistrar sendas iniciativas relativas á dotación e mellora de equipamentos escolares no Milladoiro, en Ames, tendo en conta as necesidades existentes como as demandas reiteradas da comunidade escolar.

A oferta de prazas educativas sempre foi deficitaria en todos os niveis escolares non universitarios neste núcleo de poboación. Realizáronse estudos solventes que revelaron cifras expresivas das deficiencias na oferta educativa, pero que nunca tiveron unha resposta necesaria, pois tanto a construción de centros educativos, como a ampliación doutros existentes, foise executando con demora, e ante unha presión da comunidade educativa e unhas cifras de poboación escolar “in crescendo”.

O BNG xulga que ese proceso é de todo insuficiente, ante as dúbidas no remate do Instituto de Educación Secundaria, a ampliación do CEIP de Ventín, no inicio das obras dun novo centro para a etapa educativa de infantil e primaria que vén xustificada pola poboación escolar existente en dito núcleo, ou a insuficiente oferta de prazas na rede pública de centros de educación infantil.

Tamén apunta a que deben darse respostas concretas á poboación do Milladoiro, con compromisos claros que aseguren completar o mapa de centros escolares en dita localidade, para as familias poderen escolarizar as súas fillas e fillos sen vérense obrigadas, ano tras ano, á migración cara localidades limítrofes.

Por iso, o BNG insta á Xunta a elaborar un plan global de equipamentos escolares para o Milladoiro (Ames), onde se asegure a posta en funcionamento tanto do IES como da ampliación do CEIP de Ventín no vindeiro curso 2013-2014, e por outra banda, haxa un compromiso de ter operativo o novo centro de educación infantil e primaria no curso 2014-2015, e así mesmo de completar para esa data a rede de escolas públicas de ensino infantil.

Tamén demanda unha consulta sobre a xornada escolar en Ventín sen condicionala aos intereses das empresas de transporte

A outra iniciativa rexistrada insta á Xunta de Galiza a realizar unha consulta en condicións xustas sobre o horario escolar no CEIP de Ventín, xa que nos últimos anos as propostas sometidas sempre se elaboraron supeditadas á organización do transporte escolar.

Por iso, pídese que a Xunta se comprometa a organizar unha consulta onde o horario a votar pola comunidade educativa sexa  establecido sen ter que verse subordinados en exclusiva aos intereses das empresas que prestan o servizo de transporte escolar, e que, pola contra, sexan as necesidades e intereses do alumnado e as súas familias en Ventín os que prevalecen á hora de confeccionar e formular a proposta de xornada e horario escolar.

En suma, consonte as demandas da comunidade educativa, o BNG de Ames demanda que se pacte coa comunidade educativa unha proposta de horario continuado para someter a votación e, no caso de ser aprobada, se requira ás empresas de transporte a adaptación das súas rutas á nova xornada do centro.

PNC_Equipamentos_Milladoiro

PNC_horarioVentín

O BNG reclama á Xunta os equipamentos educativos pendentes para o Milladoiro