SEMENTE DE VENCER

O BNG de Ames rende homenaxe aos Homiños de Boimorto

Foto de Paco Rodríguez
Paco Rodríguez, acto na memoria dos Homiños de Boimorto
Este martes 27 de agosto o BNG de Ames celebrou un acto no campo da festa de Ortoño na memoria dos Homiños de Boimorto. Unha conmemoración aos represaliados e ás súas familias que contou coas intervencións de Escarlata Pampín, voceira e concelleira en Ames, Sol Agra, deputada de dereitos civís na Deputación da Coruña e Alejandra Tojo, bisneta de José Tojo un dos asasinados o 20 de agosto de 1936 polas forzas fascistas.
O BNG de Ames rende homenaxe aos Homiños de Boimorto

O acto no recordo dos Homiños de Boimorto comezou ás 20:30 horas deste martes 27 de agosto, pero a lembranza nunca se perdera, a súa historia sempre estivo viva na mirada das achegadas e achegados dos represaliados. En palabras de Alejandra Tojo “os descendentes dos Homiños somos coma unha familia, unha familia que mudou indestrutíbel grazas á memoria”.

Na súa intervención, Escarlata Pampín, evocou o acontecido en Boimorto naquel agosto de 1936  “partidas de fascistas, principalmente falanxistas, deciden xuntar ás xentes significadas da esquerda para dar un escarmento e aproveitar para saldar vellas contas persoais que, en moitos casos, nada teñen que ver coa política. Van por algún á casa e a outros mándanlle recado para que se presenten no concello coa escusa de asinar uns papeis. A maioría viste a mellor roupa, a dos domingos. Desde a Gándara lévanos nun camión para Sobrado onde os teñen 48 horas sen comer nin beber. Logo mallan neles con saña. Posiblemente na madrugada do 20 de Agosto trasládanos a Santiago onde lle din que non hai sitio para máis e que os leven para a casa ou fagan con eles o que consideren oportuno. Na parroquia de Ortoño, na curva dos Batáns, á beira da estrada, aparecen os corpos de seis destes represaliados que son recollidos polos veciños e levados ata o adro desta igrexa que temos ó noso carón. Aquí son fotografados e soterrados nun fosa común deste mesmo cemiterio. Tiveron que pasar varios anos ata que as súas familias os puideron identificar por esas fotografías. Os outros cinco son fusilados no Amenal e enterrados nunha carballeira”.

Acto dos Homiños de Boimorto
Acto dos Homiños de Boimorto

Un suceso que Sol Agra describiu como “estremecedor”  porque  “os grandes homes dos que hoxe falamos, recoñecidos con un diminutivo que recolle o cariño e a súa inxusta morte, non foron vítimas dunha guerra. Un mes despois do golpe de estado fascista, en Boimorto, non había unha fronte de batalla, non eran estes homes soldados armados. Eran civís, coma min, coma moitos de vós, implicados na representación política da súa veciñanza, e, como acabamos de escoitar, algúns nin sequera tiñan un cargo público”.  

88 anos despois, só o corpo de tres destes represaliados puideron ser exhumados e  trasladados, dende un lugar esquecido, ata unha sepultura digna e deste xeito contribuír, dalgunha maneira, á reparación desas outras vítimas do réxime franquista, como  son as familias, neste caso as familias dos Homiños de Boimorto.

Ata o último momento meu avó pedía cumprir o desexo daquel neniño que con 10 anos se tivera que facer home á forza. O desexo de atopar a un pai do que non se despedira, o desexo de ter un lugar no que chorarlle. Este era o desexo de meu avó, das familias dos represaliados e de todos aqueles que tiveron que vivir anos e anos falando en voz baixiña, borboriñando, practicamente en silencio. Porque si, foron privados de voz, pero endexamais ninguén será quen de roubar a memoria”, explicou Alejandra Tojo.

Unha idea que reafirmaban Sol Agra, “o coñecemento do que pasou é a única maneira que temos de manter viva a memoria para que a mocidade non se deixe levar por discursos de odio baseados en mentiras e branqueamento” e Escarlata Pampín “porque o pasado non o podemos mudar, máis o que si podemos é loitar por un presente e un futuro no que nada nin ninguén se teña que agochar”. 

No BNG de Ames seguiremos rendendo esta necesaria homenaxe e tentaremos que en Ortoño, lugar do seu enterramento, sempre lles poidamos brindar recordo. Porque é  de vital importancia non esquecer, xa que o certo é que lembrar non é motivo de ofensa para ninguén, pero si un merecido desagravio para quen padeceu  inxustiza.

Unha mágoa que, a pesar de que no ano 2022 tentamos que se institucionalizara este acto, o actual goberno en solitario do PSOE non considera, ou considerou oportuno, a realización de ningún tipo de conmemoración para estes “Homiños de Boimorto”.

 

O BNG de Ames rende homenaxe aos Homiños de Boimorto