O BNG de Ames inicia o curso político reforzado polos bos resultados electorais
Este martes 15 de setembro o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu a xuntanza do Consello Local do BNG de Ames coa finalidade de dar inicio ao curso político e afrontar o último trimestre deste ano 2020 caracterizado polo impacto sanitario, económico e social da COVID-19.
Un dos primeiros aspectos a destacar na xuntanza foi a liña ascendente nos resultados electorais do BNG no concello de Ames, tanto nas eleccións municipais de 2019 como nas eleccións autonómicas do pasado 12 de xullo de 2020. Os resultados de Ames contribuíron de maneira significativa na mellora dos resultados do BNG na provincia da Coruña. En Ames o BNG superou os 4.000 votos, o que supuxo preto do 30% do escrutinio e permitíu ao nacionalismo galego situarse como primeira forza política de esquerdas. Neste senso, o obxectivo do Consello Local é seguir a reforzar a súa organización e continuar a incrementar o apoio electoral.
No tocante ao goberno municipal o Consello Local destacou o intenso traballo realizado dende a Concellaría de Educación durante o verán (Escola de Verán e Lúdicos de Setembro) e no inicio do curso escolar, en particular dos programas de conciliación da vida laboral e familiar (Bos Días Cole, Comedores Escolares, Tardes Divertidas), o reforzo da limpeza e as desinfeccións que, a pesar de ser competencia da Xunta de Galicia, foron asumidas inicialmente polo Concello de Ames, ao igual que a colocación de mamparas e outros dispositivos de separación para garantir a seguridade do alumnado nos comedores escolares.
No ámbito cultural destacouse o desenvolvemento do programa AmesON que permitíu manter e reforzar a programación para todos os públicos durante o verán e que terá continuidade neste último trimestre do ano 2020 con novas actividades. Dende a Concellaría de Cultura houbo unha forte aposta polos artistas locais, reprogramando aquelas actividades no exterior sempre que foi posible.
Igualmente, púxose en valor o bo resultado das actividades orientadas cara a infancia (Primeira Festa Apego) e a mocidade a través dos campamentos de verán e o programa Trouleando que tiveron moi boa acollida entre o público máis mozo.
Finalmente, entre as cuestións a desenvolver neste trimestre acordouse reclamar á Xunta de Galicia a mellora no transporte escolar e o financiamento dos custos de desinfección dos centros escolares, reanudar o desenvolvemento das escolas culturais e deportivas, destinar o superávit municipal a investimentos necesarios para o rural e traballar na elaboración do novo orzamento municipal para o ano 2021.